O Concello de Xinzo de Limia abre a inscrición de locais para o Patapas 2026

O 4º Concurso Gastronómico da Limia celebrarase do 3 ao 8 de decembro, cun prezo de 2,50 euros por pincho e 3.000 euros en premios para o público participante.

O Concello de Xinzo de Limia abriu o prazo de inscrición para os establecementos hostaleiros interesados en participar no «Patapas 2026», o 4º Concurso Gastronómico da Limia. Os locais poderán formalizar a súa participación ata o vindeiro domingo 15 de novembro.

As datas desta nova edición quedaron fixadas este venres durante unha reunión organizativa entre o Concello e os representantes da hostalaría. O concurso desenvolverase do xoves 3 ao martes 8 de decembro, coincidindo coa ponte festiva.

Durante seis días, os establecementos participantes ofrecerán os seus pinchos a un prezo único de 2,50 euros, convidando veciñanza e visitantes a percorrer os diferentes locais e descubrir as propostas gastronómicas da comarca.

Ademais, o público que participe na ruta poderá optar a un total de 3.000 euros en premios, un incentivo co que se busca fomentar a participación e dinamizar a hostalaría local.

Os establecementos interesados en formar parte desta cuarta edición poden inscribirse a través dos grupos de WhatsApp da hostalaría ou mediante un correo electrónico dirixido a comunicacion@xinzodelimia.gal.

O Patapas regresa así a Xinzo de Limia como unha das citas gastronómicas destacadas do calendario local, apostando pola promoción da hostalaría e pola dinamización económica e social da vila.