Xinzo acolle este venres unha xornada informativa sobre as oportunidades Erasmus+ para a mocidade

A Asociación Os Mixtos e LIMISI presentarán o proxecto Raíces que Inclúen este 13 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, nun encontro gratuíto dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos.

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá este venres, 13 de novembro, ás 20.00 horas, un encontro informativo para dar a coñecer as oportunidades que ofrecen os programas europeos Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade á mocidade.

A iniciativa enmárcase no proxecto Raíces que Inclúen, coordinado pola Asociación Os Mixtos, coa colaboración de LIMISI, entidade especializada en inclusión e diversidade funcional, e o apoio do Concello de Xinzo de Limia.

Baixo o lema «Mocidade conectando realidades para fortalecer a comunidade», o proxecto está dirixido a persoas de entre 16 e 30 anos e busca fomentar a participación xuvenil a través de diferentes actividades, como entrevistas, podcasts e accións comunitarias.

Durante a xornada explicaranse as distintas posibilidades que ofrecen os programas europeos. Entre elas figuran os intercambios xuvenís internacionais, que permiten viaxar en grupo e compartir experiencias con mozos e mozas doutros países; as actividades formativas para persoas que traballan coa mocidade, así como a creación de proxectos impulsados pola propia xente nova para identificar necesidades e propoñer solucións no seu contorno.

Tamén se dará a coñecer o Corpo Europeo de Solidariedade, que ofrece oportunidades de voluntariado noutros países, con apoio durante a estancia, ademais de facilitar a posta en marcha de proxectos solidarios a nivel local.

A participación no encontro será gratuíta e non será necesaria experiencia previa, polo que a convocatoria está aberta a todas as persoas novas interesadas en coñecer estas alternativas de formación, mobilidade e participación social.

As persoas interesadas en obter máis información poden contactar con Javier Morales no teléfono 696 623 960 ou a través do correo electrónico asociacionosmixtos@gmail.com.