Máis de 9.000 escolares da área sanitaria de Ourense recibiron formación en primeiros auxilios co programa ‘Pupas, sustos e outros desgustos’

Alumnado do CEIP Calvo Sotelo do Carballiño participou no taller de primeiros auxilios e educación para a saúde ‘Pupas, sustos e outros desgustos’.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o CEIP Calvo Sotelo do Carballiño para saudar o alumnado que participou no taller de primeiros auxilios e educación para a saúde ‘Pupas, sustos e outros desgustos’, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria.

Durante a visita, Manuel Pardo puxo en valor o papel da enfermaría de Atención Primaria na educación para a saúde e destacou a importancia de ensinar aos máis pequenos a identificar e actuar ante situacións de emerxencia cotiás. O delegado felicitou os promotores, monitores e participantes e subliñou que aprender primeiros auxilios a través do xogo pode contribuír a salvar vidas.

O programa, impulsado por Atención Primaria, púxose en marcha no curso 2017-2018 na comarca do Carballiño e estendeuse posteriormente ao conxunto da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Desde a súa creación, máis de 9.000 nenos e nenas participaron nesta formación, que se mantén activa grazas á colaboración entre os profesionais de enfermaría e os centros educativos.

Os talleres están dirixidos a escolares de entre 8 e 10 anos e teñen como obxectivo proporcionarlles coñecementos prácticos para recoñecer as emerxencias máis habituais e saber como actuar ante elas, mediante metodoloxías lúdicas e actividades participativas adaptadas á súa idade.

Cada sesión ten unha duración aproximada de dúas horas e estrutúrase en dous módulos. O primeiro aborda situacións cotiás como a febre, os vómitos, a diarrea, os golpes, as feridas, os cortes, as hemorraxias nasais ou as queimaduras, ademais de ofrecer recomendacións para manter hábitos de vida saudables.

O segundo módulo céntrase en situacións de maior gravidade, como as convulsións ou a perda de consciencia, e ensina aos escolares a identificar estes episodios, alertar correctamente os servizos sanitarios e coñecer as primeiras actuacións que poden realizar.

A formación combina unha explicación inicial con exercicios prácticos en grupo, co propósito de que os nenos e nenas adquiran habilidades básicas que lles permitan reaccionar con seguridade ante unha emerxencia e pedir axuda cando sexa necesario.