O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o Centro de Vialidade Invernal da Merca para supervisar os traballos que están a desenvolver os operarios da Administración autonómica co obxectivo de garantir a seguridade dos condutores durante os meses de climatoloxía adversa.
Acompañado pola tenente de alcalde da Merca, Josefina Carrera, Manuel Pardo trasladou aos traballadores o recoñecemento do Goberno galego polo labor que realizan para asegurar a circulación nas estradas, especialmente ante episodios de fortes choivas, vento e posibles nevadas. Así mesmo, destacou a coordinación cos profesionais doutras administracións, como a estatal, a Deputación de Ourense e os concellos, para dar resposta ás incidencias meteorolóxicas.
A provincia ourensá conta cun dispositivo formado por 70 profesionais e 52 máquinas, entre camións, vehículos pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira. Os medios están distribuídos en cinco centros operativos de conservación e explotación, que dispoñen de máis de 2.000 toneladas de fundentes para actuar ante a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
Ourense é a provincia galega con máis estradas autonómicas susceptibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo. En concreto, a Rede Autonómica de Estradas de Galicia conta con 81 vías na provincia, que suman 1.019,90 quilómetros. Deles, preto de 410 quilómetros presentan unha maior vulnerabilidade aos fenómenos meteorolóxicos adversos debido á súa altitude, superior aos 600 metros.
Durante a visita, o delegado lembrou que o Plan de Vialidade Invernal da Xunta está activo desde o pasado 1 de novembro e permanecerá en funcionamento ata o 30 de abril. A iniciativa ten como finalidade garantir a mobilidade e mellorar as condicións de circulación nos case 5.500 quilómetros de estradas autonómicas de Galicia.
O plan contempla medidas preventivas e actuacións de resposta ante situacións que poidan dificultar a circulación, como as fortes precipitacións, as xeadas ou as nevadas. Inclúe tamén unha vixilancia especial das vías para detectar posibles incidencias e a difusión de información actualizada aos usuarios a través dos paneis informativos, internet e os servizos de emerxencias, en colaboración co 112 e a Dirección Xeral de Tráfico.
Por último, Manuel Pardo fixo un chamamento á prudencia dos condutores e pediu extremar as precaucións ao volante durante os meses de inverno, adaptando a velocidade ás condicións da vía e prestando especial atención aos posibles episodios de meteoroloxía adversa.






