A Concellería de Servizos Sociais habilitará do 20 de novembro ao 15 de decembro dous puntos de recollida de doazóns no Espazo Infantil e no Banco Solidario.
O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Servizos Sociais, pon en marcha un ano máis a campaña de recollida de xoguetes para que ningún neno nin ningunha nena quede sen agasallo este Nadal. As doazóns poderán entregarse do 30 de novembro ao 15 de decembro.
O Concello anima a veciñanza a doar xoguetes que xa non se utilicen e pide que se entreguen en bo estado, para que outras nenas e nenos poidan gozar deles.
Puntos de recollida e horarios:
– Espazo Infantil da Solaina. De luns a venres, de 16.00 a 20.00 horas.
– Banco Solidario. Os martes, de 16.00 a 18.00 horas.
O alcalde de Barbadás Xosé Carlos Valcárcel, incidiu na “importancia dunha iniciativa coma esta, que permite que todos os fogares poidan encherse de maxia, fantasía e ilusión entre os máis pequenos”. Ademais, grazas ás doazóns, “os xoguetes convértense tamén no símbolo claro da transmisión de valores que especialmente nestas datas son protagonistas: xenerosidade, gratitude, empatía… e que son sempre tan necesarios”.






