A Biblioteca de Celanova celebra a décima edición de «Bibliosabor», a iniciativa que troca libros por alimentos para as familias de Celanova que estará aberta dende o 30 de novembro ata o 4 de decembro.
A Biblioteca Municipal de Celanova volve poñer en marcha un ano máis Bibliosabor, a campaña solidaria que une a lectura e a solidariedade baixo o lema «Libros x comida». Este 2026 a iniciativa chega á súa décima edición, consolidada como unha cita fixa no calendario cultural e social da vila.
Dende o luns 30 de novembro ata o venres 4 de decembro, a biblioteca recollerá alimentos non perecedoiros que serán destinados ao Banco de Alimentos de Celanova. A recollida poderá realizarse en horario de 10:00 a 13:00 h e de 16:00 a 19:00 h.
Como agradecemento pola colaboración, as persoas participantes poderán escoller un libro como agasallo dentro dun surtido de títulos que a biblioteca porá á súa disposición.
Solidaridade e cultura
Ao longo destes dez anos, Bibliosabor reuniu máis dun millar de quilos de alimentos, unha cifra que reflicte a implicación da veciñanza e a capacidade da biblioteca para ser, ademais dun espazo de cultura, un punto de encontro e de axuda mutua.
Dende a biblioteca municipal invítase a toda a poboación a sumarse a esta edición tan especial e a facer posible que a cifra de alimentos recollidos siga medrando. Para máis información, pódese contactar coa Biblioteca Municipal no teléfono 988 43 19 30.





