Durante tres días, sete voces recoñecidas do xénero falarán sobre a creación literaria e o impacto das súas historias en conversas con xornalistas e creadores galegos abertas ao público.
O primeiro festival de novela negra de Galicia, Ourense Black, xa está en marcha. Na tarde do xoves, o público ourensán puido achegarse ao Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade para coñecer aos autores Arantza Portabales, Manuel Ríos San Martín e Manel Loureiro e participar nas conversas que mantiveron sobre diferentes aspectos do proceso narrativo. Á inauguración tamén asistiu o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández Gil, quen destacou a participación do público no encontro: «cando un libro nos atrapa, queremos falar del. Queremos saber de onde saíu aquel personaxe, por que a historia remata así ou en que momento o autor decidiu darlle un xiro que non esperabamos. Durante estes tres días, imos poder facerlles esas preguntas directamente a quen escribiu as historias».
Ourense Black bota a andar promovido pola Deputación Provincial de Ourense e dirixido e producido por Analogías Gestión Cultural, e co obxectivo de favorecer o diálogo directo entre os creadores e o seu público.
Polo momento, a primeira xornada do festival rexistrou un cheo absoluto. A escritora Arantza Portabales reflexionou, nunha conversa co director e produtor Óscar Doviso chamada A xeografía do segredo, sobre a forza do territorio galego nas historias de novela negra. Máis concretamente, sobre o papel que xoga na súa última novela, Asesinato en el Molino del Cura, segunda entrega da serie Los crímenes de Loeiro.
Portabales é unha das voces máis recoñecidas do xénero en Galicia, consolidada coas series protagonizadas polos inspectores Abad e Barroso e, máis recentemente, con Los crímenes de Loeiro. En 2024 a Xunta de Galicia distinguiuna como a autora máis lida nos clubs de lectura.
A continuación, os autores Manuel Ríos San Martín e Manel Loureiro, moderados pola especialista en cine Amalia Enríquez, explicaron o proceso de adaptación cinematográfica dunha novela en Do papel á pantalla.
Manuel Ríos San Martín, que combina a súa faceta de escritor coa de guionista e director audiovisual e participou en series de gran popularidade, escribiu e dirixiu La huella del mal, converténdose nun dos exemplos máis destacados de adaptación da narrativa criminal á pantalla.
Pola súa banda, Manel Loureiro é un dos escritores españois de maior proxección internacional dentro do thriller. Apocalipsis Z naceu inicialmente como un blog que chegou a reunir máis dun millón e medio de lectores antes de converterse nun fenómeno editorial traducido a numerosos idiomas.
Tanto nas citas deste xoves como para os seguintes encontros é preciso reservar praza na web ourenseblack.es.
Programación do venres e sábado
O venres será a quenda de Mabel Lozano e Reyes Vargas que, a partir das 17.30 horas, tratarán a explotación das vítimas e a responsabilidade de narrar a violencia nunha conversa moderada pola xornalista de La Voz de Galicia Ruth Nóvoa. Ás 18.30 horas, Luis García-Rey, contará como se documenta unha historia criminal nunha charla coa xornalista Silvia Pardo Domínguez. Nieves Herrero será a encargada de pechar o festival, o sábado ás 12 horas, cunha charla con Luis García-Rey sobre xornalismo e ficción.
Sinatura de libros
Todas as actividades do Ourense Black terán lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, con entrada de balde, aínda que é necesaria a reserva previa. Cada sesión combinará unha conversa guiada de 50 minutos con dez minutos de preguntas do público, e rematará cunha sinatura de libros dos autores participantes, grazas á colaboración das librarías da cidade.
Con esta primeira edición, Ourense Black aspira a consolidarse como unha cita de referencia para os amantes da novela negra, creando un espazo de encontro entre lectores e autores e reforzando ao mesmo tempo a posición de Ourense como destino cultural e literario.





