O Concello convoca dous concursos de decoración natalicia, dirixidos á veciñanza e aos establecementos comerciais e hostaleiros, nos que a cidadanía elixirá as propostas gañadoras mediante votación popular.
O Concello de Barbadás anima a veciñanza e o tecido empresarial do municipio a implicarse na celebración das festas de Nadal coa convocatoria de dous certames de decoración natalicia: o Concurso de Decoración de Balcóns, Xanelas e Portais e o Concurso de Escaparates de Nadal, dirixido ao comercio e á hostalería.
Ambas as iniciativas buscan fomentar a creatividade e a participación cidadá, contribuír a crear un ambiente festivo nas rúas do municipio e favorecer a dinamización da economía local durante estas datas.
O prazo de inscrición para os dous concursos permanecerá aberto do 1 ao 11 de decembro. As persoas e establecementos interesados poderán formalizar a súa participación a través dos formularios dispoñibles na páxina web municipal, www.barbadas.es, ou mediante os códigos QR que figuran nos carteis promocionais.
A cidadanía elixirá as decoracións gañadoras
A veciñanza terá un papel protagonista na elección das propostas gañadoras mediante unha votación popular telemática, que se desenvolverá do 15 ao 21 de decembro, ata as 14.00 horas, a través da web do Concello.
No concurso dirixido a particulares premiaranse o mellor balcón, a mellor xanela e o mellor portal, mentres que o certame de escaparates contará cun primeiro e un segundo premio en cada unha das dúas categorías: comercio e hostalería.
A entrega de premios de ambos os concursos terá lugar o martes 22 de decembro, ás 18.30 horas, na Rotonda da Familia.
Con estas iniciativas, o Concello de Barbadás convida a veciñanza, comerciantes e hostaleiros a deixar voar a súa imaxinación e contribuír a facer do municipio un escenario cheo de luz, cor e ilusión durante o Nadal, reforzando o espírito comunitario e promovendo o comercio de proximidade.
As bases dos concursos e toda a información relativa á participación poden consultarse na páxina web municipal, www.barbadas.es, ou no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET) de Barbadás, a través do teléfono 988 360 413.





