A Feira do Viño de Monterrei reunirá viño, gastronomía, música e cultura

Entre o 7 e o 9 de agosto.

A 19ª Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto, consolidase como unha das grandes citas enogastronómicas de Galicia. Durante tres xornadas, a praza da Alameda converterase no epicentro do sector vitivinícola da comarca, reunindo ás adegas da Denominación de Orixe Monterrei e ofrecendo unha ampla programación que combinará viño, gastronomía, cultura e música.

Este venres, 7 de agosto, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de entrega de medallas da Cofraría dos viños de Monterrei. Ao finalizar o mesmo, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración oficial da Feira do Viño de Monterrei na praza García Barbón. A xogadora internacional galega de fútbol sala Antía Pérez, será a encargada de pronunciar o pregón inaugural, dando comezo a tres días de intensa actividade arredor do viño e da promoción do territorio.

O recinto abrirá as súas portas de 20.00 a 00.00 horas; e o sábado 8 e o domingo 9, de 12.30 a 14.30 horas e de 19.30 a 01.00 horas. As degustacións manterán un prezo de 2 euros, mentres que a copa oficial da DO Monterrei poderá adquirirse tamén por 2 euros.
Por segundo ano consecutivo, a feira incorporará un sistema de pago cashless, que permitirá realizar as compras mediante pulseiras recargables, facilitando unha experiencia máis cómoda e áxil para os asistentes. As pulseiras poderán tamén mercarse anticipadamente nas instalacións do Consello Regulador da DO Monterrei.

A organización aposta por unha programación pensada para todos os públicos, na que música, gastronomía e actividades familiares complementarán a oferta enoturística da feira, convertendo Verín nun punto de encontro para veciños e visitantes durante toda a fin de semana.
O programa gastronómico abrirase o sábado 8 de agosto, ás 13.00 horas, co showcooking «Alquimia Atlántica na cociña de Monterrei 2026», no que participarán Begoña Vázquez, recoñecida como Mellor Cociñeira de Galicia 2024, e Miguel López, director técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei. A proposta estará harmonizada musicalmente por José Manuel Salgado, profesor do Conservatorio de Música de Verín.
Ese mesmo día, ás 20.00 horas, celebrarase a cata comentada «Todos os camiños levan a Monterrei. Pasado, presente e futuro», dirixida pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e titulada WSET Nivel 3.

O domingo 9 de agosto, ás 13.00 horas, terá lugar o showcooking «Sabores auténticos: fusión de conservas ecolóxicas con viños da D.O. Monterrei», protagonizado por José Luis Prieto, chef e xerente do restaurante O Segredo do Retiro, acompañado novamente por Miguel López e José Manuel Salgado.
Todas estas actividades desenvolveranse no espazo habilitado na praza da Alameda e requiren inscrición previa a través do correo info@domonterrei.com, cun prezo de 15 euros por persoa.

A programación incluirá tamén actividades pensadas para o público familiar. O sábado 8 de agosto, ás 18.30 horas, a praza García Barbón acollerá o espectáculo «Pequeno Cabaret Infantil», de Nelson Quinteiro, unha proposta promovida polo CIM da Mancomunidade que transforma os contos tradicionais nun divertido monólogo cheo de humor dirixido a nenos e nenas de todas as idades. Ademais, tanto o sábado como o domingo, de 20.00 a 22.00 horas, desenvolveranse xogos infantís populares para que os máis pequenos tamén poidan gozar da feira.

Programación musical
A programación musical volverá ser un dos grandes atractivos desta edición. O cartel abrirase o venres 7 de agosto, ás 24:00 horas, coa actuación de SÉS, unha das voces máis representativas da música galega contemporánea, que ofrecerá un directo cargado de forza, personalidade e compromiso. Actualmente presenta o seu noveno traballo discográfico, «Nadando na incerteza», mantendo intacta a esencia dun repertorio caracterizado polo compromiso social, a reivindicación cultural e unha intensa conexión co público.

O sábado 8 de agosto, ás 24:00 horas, será a quenda de Miriam Rodríguez, terceira finalista de Operación Triunfo 2017 e unha das artistas máis destacadas do pop español actual, que chega a Verín cun espectáculo no que repasará os grandes éxitos da súa carreira xunto con temas do seu último traballo e do seu máis recente sinxelo, «duele (menos)», publicado este ano.

Como peche da programación musical, o domingo 9 de agosto, ás 23.00 horas, actuará Lucía Pérez, representante de España no Festival de Eurovisión 2011 e unha das artistas galegas con maior proxección nacional, que ofrecerá un concerto pensado para todos os públicos no que combinará os seus grandes éxitos con novas composicións e versións do folclore galego.