A Gala do comercio local de Verín premiará o 2 de outubro a traxectoria e a innovación dos negocios da vila

Aever prepara unha gala que combinará música e espectáculo coa entrega de premios ao comercio de proximidade, nunha campaña que tamén implicará á cidadanía a través dos tíckets de compra.

O comercio local de Verín terá o seu propio día de celebración o próximo 2 de outubro, coa Gala do comercio local de Verín, o acto central da campaña extraordinaria promovida polo Centro Comercial Urbano Aever para reivindicar o papel dos establecementos de proximidade na vida económica e social da vila.

A iniciativa nace coa intención de recoñecer a traxectoria dos comerciantes, dar visibilidade aos novos proxectos e poñer en valor a capacidade de adaptación e innovación do comercio verinés. A gala combinará espectáculo e música en directo coa entrega de premios en diferentes categorías vinculadas ao sector.

Entre os recoñecementos previstos figuran categorías como a traxectoria, a dinamización comercial, a innovación e a profesionalización, ademais dun premio especial que será concedido polo público. A proposta pretende así destacar tanto a experiencia acumulada polos negocios con anos de actividade como as novas iniciativas que están a contribuír á renovación do tecido comercial.

A campaña buscará tamén que os veciños e consumidores teñan un papel activo. A participación da cidadanía articularase a través dos tíckets de compra nos establecementos participantes, que permitirán optar a diferentes premios ou vantaxes. Con esta fórmula, Aever pretende vincular directamente o apoio ao comercio local coa dinamización das rúas e da actividade da vila.

A gala aspira, deste xeito, a converterse nun punto de encontro para o sector e nun recoñecemento colectivo ao traballo desenvolvido durante anos polos comerciantes de Verín. A proposta pon o foco nun comercio que forma parte da memoria cotiá da vila e que, ademais da súa dimensión económica, contribúe á xeración de emprego, á actividade das rúas e á identidade local.

A Xunta destaca o carácter dinamizador da iniciativa
A presentación da campaña contou  coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, que destacou a capacidade da proposta de Aever para combinar o recoñecemento ao sector coa participación da cidadanía e a promoción do consumo de proximidade.

A iniciativa de Verín é unha das cinco campañas extraordinarias apoiadas este ano pola Xunta de Galicia no marco das axudas destinadas aos centros comerciais abertos. En total, a convocatoria permitiu apoiar 56 centros comerciais abertos de toda Galicia, cun investimento global superior aos 2,35 millóns de euros.

As cinco campañas extraordinarias mellor valoradas nesta convocatoria reciben conxuntamente preto de 100.000 euros, como apoio a propostas consideradas pola Administración galega pola súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

No caso de Verín, Alén puxo en valor o compromiso de Aever co comercio de proximidade e sinalou a importancia dun sector que, segundo destacou, ten unha incidencia que vai máis alá da actividade económica, ao contribuír á vitalidade das rúas, á creación de emprego e á construción da identidade da vila.

Durante o acto de presentación tamén se realizou o sorteo da campaña Volta ao cole, coa extracción dos tres cheques de 50 euros entre as persoas participantes.