A Miteu recupera o conflito das Encobras

“Encrobas 77: a precuela”, da Universidade da Coruña, representouse na Mostra.

Redacción: R.T. / Foto: Iván Mouronte

 

O pasado venres, 24 de maio, a Aula de Teatro da Universidade da Coruña (UDC) presentou dentro da programación da Miteu Ourense a súa obra “Encrobas 77: a precuela” un rescate do esquecemento desde o corazón do proscenio sobre ese pedazo de terra e dignidade e a súa loita contra as grandes depredadoras dos nosos recursos naturais. A obra está escrita e dirixida pola directora, escritora e actriz Helena Salgueiro.

A escena ábrese como unha muller ferida de luz transformando ao benquerido Teatro Principal nun lenzo onde a plasticidade visual atinxe o sublime. Non estamos ante unha recreación histórica, senón ante unha coreografía de resistencia onde os corpos das mulleres semellan carballos ancestrais fronte á voracidade do capital. A posta en escena é un prodixio de texturas: o contraste entre a pel núa e a frialdade dos depredadores crea unha atmosfera densa, case táctil, que envolve ao espectador nun abrazo de sororidade indómita. Cada movemento, cada caída e cada alento sobre o escenario parece pintado por un pincel de brea, convertendo a loita labrega nunha danza sagrada de soberanía e beleza plástica.

As actrices, xigantes na súa fraxilidade aparente, encarnan o espírito daquel 1977 cunha valentía que transcende a interpretación para converterse en rito. É o triunfo do feminino que se nega a ser desposuído, unha reivindicación da terra como útero e non como mercadoría. Nestas mulleres de pano e sacho, a linguaxe corporal fálanos de tempos de silencio rotos por un berro que hoxe reverbera con máis forza que nunca. A súa entrega é total, unha entrega que fuxindo do panfleto atopa refuxio no lirismo máis puro, amosando que a política, cando nace das mans que traballan a horta, transfórmase na forma máis alta de poesía.

Ao final, a néboa ficticia esmorece e só queda o eco das voces alzadas contra a expropiación. A obra non só honra a aquelas mulleres heroínas do 77, senón que as eleva ao altar da estética máis esixente, alí onde a ética e a beleza conxugan un abrazo indisoluble.

Saímos do teatro coa alma incendiada e a mirada lavada por unha choiva de verdade, conscientes de que o que acabamos de presenciar foi xustiza poética, foi a sanación necesaria para cando nos “arrebatan o precioso”.

Se teñen oportunidade, non se perdan as vindeiras actuacións no Teatro Rosalía de A Coruña, o 28 de abril de 2026, e no teatro do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, o 6 de maio de 2026.