A Xunta destina 35.000 euros á mellora da Casa do Concello e do parque infantil do Riós

O municipio recibirá ademais preto de 24.000 euros para rehabilitar a praza de Florderrei, dentro da nova convocatoria de axudas.

A Xunta de Galicia investiu preto de 35.000 euros no concello do Riós para mellorar a accesibilidade da Casa do Concello e renovar por completo o parque infantil municipal. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao municipio, acompañado pola alcaldesa, Eva Barrio, para comprobar o resultado das actuacións.

As obras, financiadas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro da convocatoria de axudas de 2025 para a creación e mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, permitiron mellorar o acceso ao edificio consistorial e renovar o espazo de xogos.

No caso da Casa do Concello, retirouse a escaleira de acceso existente para instalar unha rampla con varanda, ademais de construír unhas novas escaleiras. Pola súa banda, o parque infantil foi sometido a unha renovación completa, coa substitución das antigas baldosas de caucho por caucho continuo e a instalación de novos elementos de xogo.

Durante a visita, Manuel Pardo informou tamén de que o Riós foi beneficiario na nova convocatoria de preto de 24.000 euros para a rehabilitación da praza situada en Florderrei. O obxectivo desta actuación é dotar a veciñanza dun espazo público adecuado para o encontro e o lecer.

Máis dun millón de euros para 34 actuacións na provincia
As actuacións no Riós forman parte dunha nova convocatoria de axudas da Xunta destinada a impulsar a mellora das infraestruturas municipais nos concellos de menos de 30.000 habitantes.

Na recente resolución, o Goberno galego destinou máis dun millón de euros para financiar 34 actuacións en 30 concellos e catro agrupacións da provincia de Ourense. O investimento busca contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza das áreas rurais mediante a colaboración cos concellos.

Entre os municipios e agrupacións beneficiarias figuran, ademais do Riós, Avión, Beade, Beariz, Boborás, a Agrupación Boborás-Avión, O Bolo, Carballeda de Avia, Cartelle, a Agrupación Castrelo de Miño-Cartelle, Cortegada, O Irixo, Larouco, Laza, Leiro, Maside, a Agrupación Maside-O Carballiño, A Merca, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Pontedeva, Quintela de Leirado, a Agrupación Ramirás-Gomesende, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, A Teixeira, Verea, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilardevós e Xinzo de Limia.

Estas subvencións permiten cofinanciar actuacións en camiños, prazas, paseos e rúas, instalacións deportivas, edificios destinados a servizos municipais e redes de iluminación pública, cunha axuda que pode chegar ata o 70% do orzamento total da actuación.

A Xunta enmarca estas actuacións no seu compromiso co municipalismo e coa mellora dos servizos nas zonas rurais, co obxectivo de favorecer a fixación de poboación e contribuír ao equilibrio territorial entre o medio rural e o urbano.

En total, o compromiso da Xunta cos concellos alcanza en 2026 os 670 millóns de euros, unha cifra histórica que supón 30 millóns máis que no exercicio anterior. Dentro das actuacións da Dirección Xeral de Administración Local figuran tamén os 10 millóns destinados a proxectos municipais de carácter estratéxico, os 7,9 millóns do Fondo de Compensación Ambiental e os tres millóns do Plan de Acción Comunitaria, entre outras liñas de apoio.