Lembrouno o delegado territorial en dúas asociacións dos concellos da Merca e Castrelo de Miño.
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello da Merca para, acompañado do seu alcalde, José Manuel Garrido, visitar o local da ‘Asociación de veciños San Pedro da Mezquita’, unha das preto de 100 entidades ourensás beneficiarias do plan específico de acción comunitaria destinada a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, no que o Goberno galego destinou máis dun millón de euros na convocatoria do ano 2025 na provincia.
O delegado territorial sinalou que no o caso desta entidade, percibiu unha achega da a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de preto de 12.000 euros para levar a cabo a rehabilitación da antiga escola do núcleo de San Pedro da Mezquita, a través da eliminación de barreiras arquitectónicas que posibilitaran a adecuación dos espazos aos principios de accesibilidade universal, da restauración da instalación eléctrica mellorando a seguridade e eficiencia enerxética do inmoble, e da eliminación de humidades e mellora das condicións construtivas.
Durante a súa estancia na sede, Manuel Pardo lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova edición destas axudas ata o próximo 20 de abril que, dotada con 3 millóns de euros, ten como finalidade seguir apoiando o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños. Nesta liña, destacou que desde a posta en marcha desta orde, lévanse investidos case 30 millóns de euros que beneficiaron a 2.340 entidades galegas.
Tamén enmarcou esta convocatoria no compromiso da Goberno galego co asociacionismo veciñal, como instrumento de dinamización social e cultural no eido local, co obxectivo de apoiar ás asociacións a levar a cabo actividades que repercutan no benestar da cidadanía, como colectivos máis próximos á veciñanza para atender e canalizar as súas demandas.
Visita á ‘Asociación veciñal Miño Mar’ en Castrelo de Miño
O representante do Goberno galego tamén visitou a sede da ‘Asociación veciñal Miño Mar’ en Castrelo de Miño para, acompañado do seu alcalde, Avelino Pazos, explicarlles aos representantes desta entidade, o procedemento a seguir para poder acollerse por primeira vez a esta iniciativa, e así poder optar a estas achegas, beneficiando directamente ás persoas usuarias da asociación.
Neste contexto, informou que esta nova orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 2,6 millóns de euros e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 400.000 euros de orzamento. Tamén detalloulles que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 de euros para a dotación de equipamentos.
O delegado territorial recalcou que as entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade no caso das entidades veciñais e de mulleres rurais e no libro de rexistro de augas do correspondente organismos de bacía como titulares de aproveitamento de augas. Todas elas deberán conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de veciños ou como asociación de mulleres rurais.
Novidade da convocatoria do ano 2026
No que se refire ás instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, Manuel Pardo subliñou que, como novidade na convocatoria deste ano, no caso das comunidades de usuarios de augas, dáselles prioridade ás obras de mellora, reforma e reparación nas infraestruturas básicas das traídas de auga afectadas por un incendio forestal durante o verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. A estas obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga súmanse outros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.






