Agosto é o mes do Campamento Urbano

Dará comezo o día 3 e durará nove días.

O Campamento Urbano de Amencer chega este verá a súa 39ª edición. Serán 9 días de actividades de lecer e gratuítas para mozos e mozas de 8 a 16 anos para os cales xa está aberta a inscrición.
Na presentación participaron a concelleira de Xuventude, Tamara Silva; os coordinadores do campamento, Javier Carballo e Pablo Seara; o coordinador de Amencer, Xulio Vilar; e o xerente da asociación, Xulio César Iglesias Blanco.

Días
O campamento infantil e xuvenil desenvolverase desde o luns 3 de agosto ata o mércores 13. O prazo de inscrición xa conta a través da páxina web da asociación (www.amencer.org). O equipo organizador afronta “con moita ilusión e ganas” unha nova edición desta emblemática cita do verán na cidade, coa previsión de acadar un novo récord de participación, tras reunir uns 1.000 mozos e mozas en 2025.
A concelleira de Xuventude, Tamara Silva, destacou durante o acto a importancia de «contar un ano máis con esta actividade, que cada ano segue medrando”. A edil puxo en valor o “fantástico” labor que desenvolve a asociación coa mocidade “con actividades lúdicas, deportivas, de traballo en equipo e en valores, polo que estamos encantados de colaborar un ano máis».
O Campamento Urbano Infantil mantén o seu carácter aberto e gratuíto para todos os nenos e as nenas de entre 8 e 16 anos. Así mesmo, ofrece unha modalidade específica para maiores de 15 anos a través do Campamento Urbano Xuvenil.
A programación abrangue nove días de actividades con tres xornadas completas cun horario continuado desde as 10.30 ata as 19.30 horas, e seis xornadas partidas cuxo horario de mañá é de 10.30 a 13.30 horas, e o de tarde será de 16.30 a 19.30 horas. Para maiores de 15 anos, tamén se programarán actividades en horario nocturno.