O contorno da Praza da Veracruz do Carballiño acolleu por primeira vez as actuacións das Xornadas, mentres Xinzo de Limia reuniu o público nun desfile e posterior espectáculo na Praza Carlos Casares.
As Xornadas de Folclore volveron encher de música, danza e tradición diferentes localidades da provincia de Ourense. O Carballiño incorporou por primeira vez a Praza da Veracruz aos escenarios do festival, cunha programación protagonizada polas agrupacións de Ecuador, Serbia e Taiwán, mentres que Xinzo de Limia acolleu as actuacións de Armenia, México e Senegal.
No Carballiño, as actuacións desenvolvéronse ás 22.30 horas no Auditorio da Praza da Veracruz, co maxestoso Templo da Veracruz como pano de fondo. A incorporación deste espazo permitiu ao público gozar dunha combinación singular entre o patrimonio arquitectónico da vila e a riqueza das expresións tradicionais achegadas polas agrupacións participantes.
En Xinzo de Limia, a xornada comezou cun desfile protagonizado polas agrupacións de Armenia, México e Senegal. O percorrido partiu ás 20.00 horas do Parque do Toural e rematou na Praza Carlos Casares, onde tiveron lugar as actuacións dos grupos participantes nos dous pases habituais. A cita volveu ser unha das propostas destacadas do verán na vila limiá, reunindo tradicións e culturas procedentes de diferentes puntos do mundo.
Trinta anos de traxectoria internacional para o grupo de Taiwán
A participación do Yitzy Folk Dance Theatre de Taiwán tivo nesta edición un significado especial, xa que o grupo celebrou o seu trixésimo aniversario. A formación taiwanesa quixo aproveitar a súa presenza nas Xornadas para lembrar a súa vinculación co festival ourensán, onde iniciou en 1997 a súa traxectoria internacional.
Fundado en Tainan, antiga capital e corazón cultural de Taiwán, o Yitzy Folk Dance Theatre naceu co obxectivo de preservar e revitalizar o folclore e as tradicións taiwanesas a través da innovación, da integración e do intercambio cultural. Ao longo da súa traxectoria, a formación difundiu o legado cultural do seu país en escenarios de todo o mundo.
O seu repertorio inclúe representacións de cerimonias relixiosas, lendas, acontecementos históricos e danzas vinculadas aos traballos, ás celebracións e ás festividades tradicionais. A través destas propostas, o grupo ofrece unha ampla mostra da cultura tradicional chinesa e da diversidade das expresións culturais de Taiwán.
As Xornadas continuaron así a súa programación na provincia de Ourense, achegando ao público diferentes formas de entender e vivir o folclore e consolidando o festival como un espazo de encontro entre culturas a través da música, a danza e as tradicións populares.
Luns, 17 de agosto
As Xornadas continúan o seu periplo pola provincia este luns, 17 de agosto, coas actuación en:
– Viana do Bolo. 22.30h Praza Maior.
– Trives. 22.30h. Praza Santa Leonor.





