Vivos e mortos dan vida ao Samaín: todo listo para o «Allariz de Medo 2026».
Allariz prepárase un ano máis para acoller unha das citas máis agardadas do outono: o Allariz de Medo 2026. Sabendo que o Samaín é esa época do ano na que vivos e mortos conviven, durante a fin de semana do 30 e 31 de outubro e 1 de novembro o conxunto histórico alaricano transformarase nunha auténtica pasaxe de medo e mitoloxía, combinando tradición, ocio familiar e espectáculos na rúa.
A concelleira de Promoción Económica, María López, sinalou que «o Allariz de Medo consolídase como unha cita imprescindible na nosa axenda de outono, un evento que dinamiza tanto o comercio coma a hostalería local grazas a unha proposta lúdica e cultural única que mestura a nosa tradición co divertimento».
A programación arrincará o venres 30 de outubro cunha tarde pensada especialmente para o disfrute en familia. Ás 19.00 horas, a Praza de Abaixo acollerá o espectáculo «Quen dixo medo?» da man de Peter Punk Pallaso. Xa pola noite, ás 20.30 horas, a misteriosa e solemne Santa Compaña, representada por Silvardeiras Teatro, percorrerá os recunchos máis escuros do centro histórico. A primeira xornada pecharase pola medianoite coa música de Verbena Discomóvil na Praza Maior.
O sábado 31 de outubro o Samaín continuará a partir das 19.30 horas co ritmo e a enerxía da batucada Trópico de Grelos, que encherá de son e movemento as rúas de Allariz. Ás 21.00 horas repetirase un dos momentos máis esperados da fin de semana co novo pase nocturno da Santa Compaña de Silvardeiras Teatro polo centro histórico.
Ademais desta programación específica, dende a organización recórdase que durante toda a fin de semana, dende o 30 de outubro ata o 1 de novembro, haberá unha coidada ambientación de rúa con druidas, ánimas, santa compaña, fantasmas, esqueletos e seres do máis alá presentes por todo o casco histórico para envolver aos veciños, veciñas e visitantes nunha atmosfera máxica e inesquecible.





