Será o domingo 29 de marzo.
O festival Allariz Debuxado regresa a Allariz na súa sétima edición, consolidándose como un espazo de encontro para profesionais e persoas afeccionadas á ilustración, a banda deseñada e a edición independente. A iniciativa busca poñer en valor o traballo e a calidade das autoras galegas, así como a forza das industrias culturais do país.
Un domingo de mercado e creatividade
Nesta edición, o festival terá lugar o domingo 29 de marzo e xirará arredor do xa consolidado mercadiño de ilustración e autoedición, unha cita que co paso dos anos se converteu nun punto de referencia para descubrir novos proxectos e propostas creativas.
O mercadiño celebrarase na Praza do Matadoiro de Allariz, entre as 11.30 e as 20.00 horas en horario continuo, e contará coa participación dunha trintena de proxectos procedentes de diferentes ámbitos da ilustración, a banda deseñada e a edición independente.
Ao longo da xornada desenvolveranse tamén diversas actividades paralelas para completar o programa. Entre elas destaca un taller de deseño de personaxes dirixido á rapazada, impartido pola ilustradora compostelá Clara Artiaga, así como diferentes rutas de Urban Sketch por Allariz, nas que as persoas participantes poderán debuxar e interpretar a paisaxe urbana da localidade.





