As Xornadas de Folclore achegan a Allariz e Maceda a música e a danza tradicional de seis países

As actuacións celebradas congregarons a centos de persoas.

As XLI Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense levaron este xoves a música, a danza e as tradicións de diferentes partes do mundo ás localidades de Allariz e Maceda, dentro do percorrido que o festival está a realizar por dezaseis concellos da provincia.

En Allariz, o Campo da Barreira acolleu, a partir das 22.30 horas, a actuación de tres das agrupacións internacionais participantes nesta edición: o Elenco Ñukanchik, de Ecuador; o Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia; e o YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán.

Pola súa banda, Maceda converteuse tamén nun punto de encontro entre culturas coa actuación de tres formacións procedentes de Armenia, Kenia e México: o Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center, o Kikwetu Afrika Music and Dance Group e a Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, respectivamente.

As dúas citas forman parte da XLI edición das Xornadas de Folclore, que este ano reúne 178 artistas de seis países e catro continentes, nunha programación que se desenvolve entre o 10 e o 20 de agosto e que recupera o seu formato completo tras a edición reducida do pasado ano.

As actuacións de Allariz e Maceda permitiron ao público ourensán coñecer de primeira man diferentes formas de entender a música e a danza tradicional, nun espectáculo que combina tradición, diversidade cultural e intercambio entre pobos.

Manzaneda e Verín
As Xornadas continúan hoxe, venres 14 de agosto, con dúas novas citas na provincia: Manzaneda e Verín, onde as agrupacións participantes seguirán achegando ao público a riqueza das súas tradicións musicais e coreográficas.
En Manzaneda as actuacións darán comezo ás 22.30h no Patio do Colexio; pola súa banda, a mesma hora -22.30h- o Parque da Preguiza será o escenario desta cita en Verín.

Manzaneda: Elenco Ñukanchik, de Ecuador; o Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia; e o YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán

Verín: Armenia, Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center; Kenia, Kikwetu Afrika Music and Dance Group; e México, Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua.

Organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, as Xornadas de Folclore constitúen unha das principais citas culturais do verán ourensán e teñen como un dos seus obxectivos achegar propostas culturais de carácter internacional ao conxunto do territorio provincial.