O programa deste sábado inclúe un obradoiro de cabazas, que xa esgotou as prazas, e un concerto gratuíto de Brais das Hortas a partir das 19.00 horas.
O Concello de Barbadás celebrará este sábado, 31 de outubro, o Samaín cunha tarde de actividades para todos os públicos no Museo da Gaita de Fole. A programación combinará creatividade e música en directo cunha proposta pensada para desfrutar en familia dunha das datas máis terroríficas do ano.
A xornada comezará ás 16.30 horas cun obradoiro creativo de cabazas, que se prolongará ata as 18.30 horas. Durante a actividade, os participantes poderán decorar as súas propias cabazas empregando diferentes materiais e técnicas. A iniciativa espertou un grande interese e as prazas dispoñibles xa están cubertas.
A música tomará o relevo ás 19.00 horas co concerto de Brais das Hortas, músico, clown e narrador galego. A actuación, de entrada libre e aberta a todos os públicos, combinará humor e música en directo nun espectáculo pensado para achegar diversión a grandes e pequenos.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, animou a veciñanza a participar na celebración e destacou o carácter familiar da proposta. «Convidamos á poboación a achegarse ao Museo da Gaita e desfrutar en familia da xornada, que de seguro vai ser moi divertida!», sinalou.






