Celanova, punto de encontro do audiovisual galego

Acolle a 22ª edición do Curso de Medios Audiovisuais (CeMAC).

Celanova volverá converterse este verán nun punto de encontro para o sector audiovisual galego coa celebración da 22ª edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que terá lugar do 6 ao 10 de xullo de 2026 no Auditorio Municipal Ilduara.

Baixo o lema «Audiovisual galego. Diversidade creativa», o curso reunirá profesionais, estudantes e persoas interesadas no cinema e na produción audiovisual para reflexionar sobre a evolución do sector, os novos formatos e os retos da industria audiovisual en Galicia.

O programa combinará conferencias, mesas redondas, proxeccións de películas, coloquios cos seus equipos, obradoiros e outras actividades culturais, ofrecendo unha visión ampla do momento que vive o audiovisual galego e favorecendo o intercambio de experiencias entre creadores e asistentes.

Organizado pola Fundación Carlos Casares, a Universidade de Vigo, o Concello de Celanova e a Deputación de Ourense, coa colaboración da AGADIC, o CeMAC consolidouse, tras máis de dúas décadas de traxectoria, como unha das citas formativas e de reflexión máis importantes do audiovisual en Galicia.

A inscrición está aberta tanto ao alumnado universitario como ao público en xeral, reafirmando o carácter aberto e divulgativo dun curso que cada ano converte Celanova nun referente para o debate e a promoción da creación audiovisual galega.