O Ourense Film Festival (OUFF) celébrase do 25 de setembro ao 4 de outubro.
O Ourense Film Festival (OUFF) presentou a programación da súa 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro, cunha destacada presenza internacional e numerosas estreas.
A Sección Oficial Internacional contará con dez películas, o 70% delas estreas nacionais, con filmes de autores recoñecidos en festivais como Cannes, Berlín, Venecia ou Sundance. O festival reforza tamén o cinema galego con Panorama Galicia, que reunirá sete títulos, varios deles estreas.
Entre as novidades desta edición destacan o crecemento das seccións Inédito e Xanela, o ciclo dedicado a Billy Wilder, o programa Amal en Ruta, o Cine Familiar e os avances de novas series de televisión.
Este ano o ciclo Colleita -sección que naceu o pasado ano co obxectivo de recoller os froitos cinematográficos de cineastas que manteñen unha relación especial co certame- traerá tres películas: La silla – Ángel de la Cruz; Onte á noite conquistei Tebas – Gabriel Azorín; e Así chegou a noite – Ángel Santos.
Inauguración
O OUFF inaugurarse no Auditorio Municipal de Ourense coa estrea en Galicia de Las ciegas hormigas (Inurri itsuak), a terceira longametraxe do cineasta vasco Igor Legarreta. Ambientada na Bizkaia de 1935, a película narra a loita dunha familia por sobrevivir tras o embarrancamento dun barco cargado de carbón.
Ademais, entregaranse o Premio Honorífico AISGE á actriz galega Uxía Blanco, e o Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez. Este ano tamén recibirá a actriz Charo López o Premio Especial OUFF e o produtor e profesional do audiovisual José Manuel Lorenzo o Premio Chano Piñeiro
No tocanta á clausura, ademais dos premios das seccións oficiais, darase o premio Ópera Prima que nesta ocasión recae no director Jaime Lorente pola súa película «El mal hijo», que se proxectará ao remate da gala.
A inauguración estará conducida por Rafa Durán, mentres que Noelia Rey e Luis Larrodera serán os encargados de presentar a clausura. As dúas galas contarán de novo coa dirección e o guión de Iván Iglesias.
Exposicións
O OUFF tamén sae das salas de proxección para achegar o cinema ao público a través de dúas exposicións que comparten espazo no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Dúas propostas moi diferentes, pero unidas pola vontade de explorar o universo cinematográfico desde perspectivas distintas.
Por unha banda, «Terra do Anel. Unha viaxe entre reinos» mergulla os visitantes no universo de O Señor dos Aneis coincidindo co 25 aniversario da estrea cinematográfica da triloxía. A exposición reúne figuras a tamaño real, armaduras, armas, réplicas, dioramas e diferentes pezas de coleccionismo relacionadas coas películas de Peter Jackson. Un percorrido pensado para achegar a Terra Media tanto aos seguidores da saga como a quen queira descubrir de preto o traballo artístico e material que hai detrás deste universo cinematográfico.
A segunda proposta cambia completamente de escenario e pon o foco precisamente no que adoita quedar fóra de plano. «Ecosistema dunha rodaxe», fotografada por Esteban DelaIglesia e comisariada por Monse Cea, reúne seis anos de traballo do fotógrafo detrás das cámaras.
As fotografías recuperan a presenza dos equipos técnicos e humanos que fan posible unha produción e detéñense nos seus xestos, ferramentas e espazos de traballo. Claquetas, cadernos, marcas no chan ou os propios corpos sometidos ao ritmo dunha rodaxe convértense en protagonistas dunha mostra que reivindica o valor dun traballo habitualmente invisible.
Deste xeito, o OUFF propón no Marcos Valcárcel dúas formas de achegarse ao cinema: desde a maxia e o imaxinario da Terra Media e desde a realidade cotiá das persoas que constrúen unha película detrás das cámaras. Ambas as exposicións permanecerán abertas ao público ata o 1 de novembro.
Música
Dentro da programación non faltará un cartel musical que combina artistas galegos, sesións ao aire libre e propostas para todos os públicos.
A música estará presente desde a inauguración ata a clausura do festival. O venres, Guille Galván, guitarrista e compositor de Vetusta Morla, será o encargado de poñer banda sonora á gala inaugural. Antes, ás 13.00 horas, manterá un encontro co público na tenda de discos Bonus Track.
O sábado 3 de outubro concentrará boa parte da programación musical. Ás 13.00 horas, a Praza Santa Eufemia acollerá a sesión vermú de Mambas Negras, cun espectáculo baseado nas bandas sonoras do cinema de Tarantino.
Pola tarde, ás 17.30 horas, tamén na Praza Santa Eufemia, será a quenda de Lembra Xabarín, un espectáculo familiar que recupera cancións galegas vinculadas ao Xabarín Club e a bandas como Heredeiros da Crus, Siniestro Total ou Os Diplomáticos de Monte-Alto.
Tamén, a Xove Orquestra Ourensanía interpretará en Ourense e en Verín a coñecida banda sonora que Howard Shore compuxo para a triloxía de “El señor de los anillos”; en Ourense o domingo, 27 de setembro (12h), e en Verín o sábado, 3 de outubro (20h).
A programación musical pecharase na gala de clausura do sábado 3, coa actuación de Escuchando Elefantes, banda formada por Silvia Rábade e Carlos Tajes.
Bono 10+ dixital
Unha das grandes novidades desta edición é a dixitalización do Bono 10+ ademais da tarxeta física que xa se empregou na pasada edición. O público poderá descargar a súa tarxeta dixital directamente no móbil (en aplicacións tipo Wallet) escaneando os códigos QR dispoñíbeis na web e nas sedes do festival. Ao presentar a tarxeta no acceso a cada pase das seccións oficiais iranse sumando puntos e, ao acadar os 10, a tarxeta mudará de cor automaticamente para converterse na entrada directa para a película sorpresa, que se proxectará o xoves 8 de outubro ás 20:00 horas no Teatro Principal».






