Con máis de 178.000 euros de investimento.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, o Colexio Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás, para comprobar o resultado das obras de mellora neste centro, nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou máis de 178.000 euros.
Na súa estadía no centro, o delegado territorial puxo en valor que a Xunta está a investir máis de 58M€ en 690 actuacións na provincia de Ourense. Delas, 38 son grandes obras en distintas fases (rematadas, en execución e licitadas) por un importe de máis de 29M€; outras sete (205.000 €) son instalacións fotovoltaicas e 637 son pequenas obras do verán, por importe de 13,6 M€. Ademais, hai oito intervencións xa comprometidas cun orzamento de máis de 15 M€; entre elas destaca o inicio da construción do que será o primeiro instituto do Pereiro de Aguiar, o Padre Feijóo, que conta cun investimento estimado de 9,5M€.
Manuel Pardo salientou que entre as obras de maior investimento destacan as ampliacións dos institutos IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 2,7 M€) e Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4 M€), do CEIP Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar, 2 M€) e do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1 M€), así como as rehabilitacións integrais do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1,2 M€) e IES As Lagoas (Ourense, 1,1 M€), así como a renovación das carpintarías do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (1,1 M€).
O representante do Goberno galego lembrou que o Plan de nova arquitectura pedagóxica, que, na súa segunda fase, eleva o seu investimento global a preto de 500 millóns de euros ata 2028, busca a mellora integral dos centros educativos galegos mediante actuacións orientadas á integración dos edificios no espazo urbano, á mellora dos seus exteriores, á creación de espazos de socialización, á optimización da distribución interior e á aposta pola eficiencia enerxética.
Actuacións no Colexio Nosa Señora de Xuvencos
No Colexio Nosa Señora de Xuvencos ,que estudan preto de 90 nenos de Infantil e Primaria, o delegado territorial detallou que os traballos que se levaron a cabo consistiron na execución dunha rampa para salvar dous escalóns, o que dota dunha mellor accesibilidade a toda a planta baixa; na reforma dos baños; na pavimentación dos 750 metros cadrados de superficie do patio exterior; e na reparación e protección dos tres pilares que hai neste espazo. Tamén se actuou sobre as carpintarías exteriores do edificio coa renovación de tres xanelas e dúas portas e a substitución doutras 16 portas e cinco armarios na zona interior do centro. Así mesmo, reformouse o almacén e o cuarto da limpeza da planta baixa.
Manuel Pardo subliñou que esta intervención enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización das infraestruturas educativas coa finalidade de avanzar en colexios e institutos máis confortables, innovadores e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.





