Para coordinar os horarios cos percorridos do AVE.
A Xunta reforza os servizos de autobús que conectan a estación de tren da Gudiña–Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, co obxectivo de mellorar a coordinación cos novos horarios dos servizos ferroviarios de alta velocidade con orixe e destino en Madrid.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo salientou que a implantación dos novos servizos e a realización dos correspondentes axustes mellorarán de xeito significativo a conexión dos concellos de Viana do Bolo, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Verín coa estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia.
Neste contexto, -explicou – que haberá un total de 10 servizos diarios de autobús coordinados cos horarios dos servizos ferroviarios, que posibilitan a conexión cos trens de ida a Madrid e cos de regreso á Gudiña. Deste total, 3 servizos diarios conectarán con Verín e 7 coas comarcas de Valdeorras e Viana.
Prioridade
Debido ao restablecemento do tren de primeira hora da mañá entre A Gudiña e Madrid, a Xunta viu prioritario facilitar o enlace das persoas usuarias destas comarcas a este servizo demandado pola veciñanza da zona.
En consecuencia, porase en marcha unha liña directa entre Verín e A Gudiña, a única destas características operativa na provincia de Ourense xunto coa liña Ourense–Vigo. Este servizo sairá de Verín ás 06.40 horas e chegará á estación ás 07.20 horas, permitindo a conexión co tren das 07.44 horas con destino a Madrid.
A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal e nas aplicacións para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia e MoBT.





