Co Campionato de España de seleccións autonómicas sub21.
As instalacións deportivas de Mariñamansa volven ser o escenario dun gran evento do hóckey a nivel nacional. Nesta ocasión, os días 4 e 5 de xullo, acolle o primeiro Campionato de España de Hóckey Herba de Seleccións Autonómicas Sub-21, unha competición que reunirá ás mellores promesas do hóckey español nas categorías masculina e feminina.
O torneo contará coa participación das seleccións autonómicas de Galicia, Madrid, Asturias e Comunidade Valenciana. A competición desenvolverase nun formato de final a catro, concentrando nunha única fin de semana os encontros decisivos para decidir os primeiros campións desta nova categoría.
A creación deste campionato supón un importante paso adiante para o desenvolvemento do hóckey base en España, xa que ata o momento as competicións autonómicas de seleccións remataban na categoría sub-18. A nova franxa sub-21 permitirá dar continuidade á formación dos xogadores e xogadoras na súa transición cara ao alto rendemento.
Horarios
Os emparellamentos serán o Madrid – Galicia, que se enfrontarán o día 4 ás 10.00h os conxuntos masculinos e ás 12.00h os femininos; e o Valencia – Asturias ás 14.00h o partido masculino e ás 16.00h o feminino. As finais celebraranse o 5 de xullo ás 12.00h e 13.30h as finais masculina e feminina, respectivamente.
Como preparación para esta cita, o campo de Mariñamansa acollerá tamén encontros amigables internacionais entre as seleccións sub-21 de Galicia e Portugal, tanto en categoría masculina como feminina, que servirán para medir o estado de forma dos combinados galegos antes da competición oficial. Os partidos terán lugar este sábado, 27 de xuño, a partir das 15 horas.





