O OUFF presenta o cartel e a exposición deste ano

A imaxe é un recoñecemento explícito a tódalas profesións vencelladas ao cine e a mostra trata sobre “El Señor de los Anillos”, de Peter Jackson.

O OUFF – Ourense Film Festival presentou o cartel oficial da súa 31ª edición, obra de Xulia Vicente.
Durante a presentación do mesmo, o presidente da Deputación destacou o novidoso do cartel comentando que «seguro que vai sorprender e revolucionar ao público do OUFF», mentres que Óscar Doviso puxo en valor «a potencia narrativa» da obra de Vicente, unha das creadoras máis recoñecidas da banda deseñada galega contemporánea.

O cartel
Nesta 31ª edición, o OUFF terá coma imaxe unha homenaxe sincera e explícita a todas as profesións vinculadas ao cine, especialmente a aquelas que traballan detrás das cámaras, pero tamén ao xeito de facelo. «Quería que transmitise a idea do gozo que se sinte durante o proceso artístico. Foi coma lembrarme a min mesma o motivo polo que empecei a debuxar, con mil probas, coma un xogo. Por iso aparecen estes personaxes tan novos nunha actitude tan lúdica», explicou Xulia Vicente.
A base da ilustración é un gran ollo —a mirada do creador— que se abre a ver, compartir e debater sobre as obras artísticas doutros autores e autoras para que se plante a semente da creatividade e da creación artística. Así, xérase esa árbore de transmisión de ideas que permite que proliferen as obras e o talento.
Outro dos elementos máis destacados da peza da coruñesa, que ademais cobra moito protagonismo na versión animada do cartel, son as aves que representan precisamente a abundancia de ideas, proxectos e talento que ten o panorama cinematográfico actual. A garza, tan característica das marxes do río Miño en Ourense, ten o seu protagonismo entre os paxaros representados, conectando toda a obra coa nosa cidade.
Ademais, presentouse a versión animada do cartel, unha novidade que xa estivo presente na 30º edición. Esta peza foi animada por Soraya Picouto e sonorizada por Sebastián Mato.

Terra do Anel
O OUFF tamén presentou outras das apostas para a31ª edición: a homenaxe ao universo de J.R.R. Tolkien co gallo do 25º aniversario da estrea cinematográfica da triloxía de “El Señor de los Anillos”.
O eixo central desta celebración será a exposición “Terra do Anel – Unha viaxe entre reinos”, que abrirá as súas portas do 17 de setembro ao 1 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O director artístico do Ourense Film Festival, Óscar Doviso, adiantou que será unha mostra na que os visitantes poderán atopar estatuas, pezas a gran escala, dioramas, armaduras e moitas outras réplicas orixinais dos elementos empregados na triloxía de Peter Jackson. “Estas películas unen xeracións e, a pesares de que se estrearon fai 25 anos, aínda están vixentes nos nosos días.
Así, o Ourense Film Festival busca abrir o universo de Tolkien ao público ourensán e repetir o éxito da exposición “Making Movies” da edición pasada, pola que pasaron máis de 6.500 persoas.
Alba Polo, responsable de Júpiter Juegos, sinalou que desde Júpiter farán o posible para que se achegue á exposición todo o mundo, sexa ou non fan da saga. “Teremos teatralizacións, e algo máis,… para non deixar indiferente a ninguén”.
Júpiter Juegos será o encargado de organizar a reserva de prazas para as visitas guiadas, que estarán dispoñibles dende a inauguración da exposición.

A música
A experiencia completarase cos eventos OUFF Film Symphony, dúas citas musicais que nos recordarán a grandiosidade das cancións da triloxía de “El Señor de los Anillos”. Baixo a batuta de José Luis Tielas, a Xove Orquesta Ourensanía unirase a un gran coro para ofrecer dous concertos únicos dedicados de xeito íntegro á oscarizada banda sonora de Howard Shore.
Estas citas musicais terán lugar no Auditorio de Ourense o 26 de setembro e no Auditorio de Verín o 3 de outubro, e ambos arrancarán cunha lectura interpretada inicial que introducirá ao público na narrativa épica da obra. No caso de Verín, a entrada terá un custo de 10 euros que serán destinados a colaborar coa Asociación Contra o Cancro, a Cruz Vermella, Portas Abertas, Cáritas e FEMURO.
Con estas presentacións, o OUFF quenta motores para a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.