Pladiga 2026: máis tecnoloxía, máis prevención e reforzo dos medios humanos e materiais

A actualización deste ano contempla o maior orzamento da súa historia cun investimento de 213 millóns de euros.

A actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) incorpora este ano unha das renovacións máis importantes dos últimos exercicios. Máis aló do incremento orzamentario, o documento aposta por reforzar a prevención, incorporar novas ferramentas tecnolóxicas e ampliar a capacidade de resposta do operativo, adaptándoo a un escenario no que os incendios son cada vez máis complexos.
Un dos cambios máis destacados é a incorporación da tecnoloxía como elemento clave na detección temperá. A rede de videovixilancia medrará un 30%, ata alcanzar as 241 cámaras distribuídas en 111 localizacións, pero a principal novidade reside na aplicación da intelixencia artificial para analizar automaticamente as imaxes e detectar fume ou focos de incendio nas súas fases iniciais, reducindo así os tempos de resposta. A isto súmanse tres novos drons de vixilancia destinados a cubrir zonas de difícil acceso ou sen cobertura das cámaras.

ALume
A aplicación móbil ALume está xa dispoñible para descarga para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais. A ferramenta, que actúa de xeito complementario á canle do 085, conta cunha interface moi sinxela e permite enviar a localización exacta do incendio, ademais de engadir imaxes, gravacións de son e observacións. A ferramenta funciona como unha canle complementaria ao 085, co obxectivo de implicar á poboación na detección temperá dos lumes e ampliar a rede de vixilancia sobre o territorio.
A prevención continúa a ser o eixe principal do plan. O Pladiga prevé actuacións sobre preto de 34.000 hectáreas mediante a creación e mantemento de devasas, faixas auxiliares, tratamentos silvícolas, mellora de pistas forestais e queimas prescritas; ademais das accións enmarcadas nas axudas para previr os danos aos bosques e os convenios con entidades locais. Paralelamente, manterase o programa de sensibilización nos centros educativos e reforzarase o traballo divulgativo entre a poboación do rural.

Faixas secundarias
Tamén gaña protagonismo a xestión preventiva arredor dos núcleos de poboación. O convenio con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias duplica o seu orzamento ata os 25 millóns de euros anuais ata o ano 2029; ademais de reforzar o apoio que se lle presta tanto a administracións locais como aos propietarios para que poidan cumprir coas súas obrigas.

Medios
No apartado operativo, o dispositivo incorpora un importante reforzo humano. A Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada na xestión de grandes incendios forestais, pasa de seis a quince integrantes, mentres que durante a campaña de alto risco incorporaranse 42 novas brigadas de catro compoñentes cada unha. En total, o operativo volverá superar as 7.000 persoas entre persoal da Xunta e efectivos doutras administracións.
Os medios materiais tamén se amplían. O plan incorpora 16 novos bulldóceres destinados principalmente a labores preventivos e reforza os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado. Ademais, continúa a mellora das infraestruturas coa construción e modernización de BUO e bases aéreas.

Máis novidades
O Pladiga contempla ademais o impulso dun proxecto piloto orientado a reforzar a colaboración da poboación local de cara á vixilancia dos incendios forestais nas comunidades de montes veciñais en man común. Esta iniciativa está xa en marcha coa colaboración da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño a través da rede “Ollos no Monte”, coa que se organizan equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán. Este programa ten repercusións moi beneficiosas e estase traballando para replicar noutras zonas do territorio.