Ribadavia acolle a presentación das 24ª Xornadas de Exaltación da Centola do Grove

O evento gastronómico celebrarase na localidade pontevedresa entre o 26 de novembro e o 8 de decembro.

A Igrexa da Madalena de Ribadavia acolleu un acto de presentación da festa da centola do Grove, e contou coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e do alcalde da vila, César Fernández, así como de representantes da Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) e das confrarías que promoven esta iniciativa.

A elección de Ribadavia como escenario para a presentación responde á vontade de achegar as 24ª Xornadas de Exaltación da Centola do Grove ao público do interior de Galicia, especialmente ao ourensán, e promocionar a oferta gastronómica e turística da localidade arousá. A iniciativa permitiu tamén poñer en valor a unión entre os produtos do mar e os viños galegos, cunha especial conexión cos caldos da Denominación de Orixe Ribeiro, nunha aposta por estreitar lazos entre ambos territorios e animar os visitantes a achegarse ao Grove durante a celebración das xornadas.

Durante a presentación, Manuel Pardo destacou a importancia destas xornadas para contribuír á desestacionalización turística, dinamizar a hostalaría e o comercio local e impulsar o recoñecemento dos produtos pesqueiros de alta calidade.

O delegado agradeceu aos organizadores que escollesen este espazo emblemático de Ribadavia para dar a coñecer unha nova edición da cita gastronómica e expresou o seu desexo de que volva atraer milleiros de visitantes ao Grove.

As xornadas combinarán a exaltación da centola e doutros produtos do mar coas actividades culturais e festivas, nunha proposta coa que se pretende reforzar o atractivo turístico da vila arousá. A iniciativa conta co patrocinio da Consellería do Mar e coa colaboración de Turismo de Galicia.