Roteiros Temáticos para descubrir o patrimonio de Allariz

Será un total de 7 ata finais de ano.

O Concello de Allariz presenta unha nova edición dos seus Roteiros Temáticos, unha proposta que permitirá á veciñanza e ao turismo achegarse ao patrimonio histórico, cultural e natural do municipio a través de experiencias guiadas que se desenvolverán entre os meses de xuño e decembro.

Esta programación inclúe rutas, visitas e obradoiros familiares que buscan ofrecer unha visión diferente de Allariz, afondando na súa historia, na súa riqueza arqueolóxica, na súa relación co río Arnoia e no seu importante legado cultural.

As actividades desenvolveranse, na súa maioría, os terceiros sábados de cada mes, cun número limitado de prazas para garantir a calidade da experiencia e favorecer unha relación máis próxima co patrimonio e cos espazos visitados.

O programa arrincará o 20 de xuño cunha visita á Cibdá de Armea, un dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes de Galicia. Ao longo dos meses seguintes, o público participante poderá descubrir os muíños e curtidorías, percorrer as rúas do centro histórico medieval, coñecer a historia do Castelo de Allariz ou participar nunha singular visita fotográfica a través de imaxes históricas da localidade.

A programación completarase con dous obradoiros de arqueoloxía en familia, pensados para achegar o patrimonio á infancia dun xeito lúdico e participativo.

Calendario de actividades
– 20 de xuño – A Cibdá de Armea
– 18 de xullo – Muíños e Curtidorías
– 8 de agosto – Allariz, Centro e Corte Románica
– 19 de setembro – Visita Fotográfica
– 17 de outubro – Obradoiro Familiar de Arqueoloxía
– 21 de novembro – O Castelo de Allariz
– 19 de decembro – Obradoiro Familiar de Arqueoloxía

Todas as actividades partirán da Oficina Municipal de Turismo e requiren inscrición previa.
As reservas poden realizarse a través do correo electrónico turismo@xeitura.com ou no teléfono 609 474 976.