A peregrinación percorrerá 17 quilómetros desde A Merca ata a Catedral de San Martiño.
A Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa organiza o domingo 10 de maio a segunda edición de «A Gran Peregrinación». O evento conta coa colaboración dos concellos de Lobios, Muíños, Lobeira, Bande, Verea, Celanova, A Merca e San Cibrao das Viñas, así como da Deputación de Ourense e o Inorde. Esta iniciativa busca reivindicar a importancia histórica do trazado que conecta o norte de Portugal coa capital compostelá, reafirmándose como un ramal estratéxico da Vía da Prata.
A xornada comezará ás 9:00 horas desde o emblemático conxunto de canastros da Merca coa chegada dos participantes e a entrega de agasallos para os inscritos. O itinerario, de 17 quilómetros, discorrerá por Vilar de Paio Muñiz (A Merca) e, xa no concello de San Cibrao das Viñas, pasará por Soutopenedo, Vilanova, A Cruz de Rante e a capitalidade municipal. Os últimos quilómetros decorrerán pola Vía da Prata en Ourense nunha entrada conxunta á Cidade das Burgas. A xornada rematará na Catedral de San Martiño.
Servizos de traslado e inscrición
A organización habilitará servizos de transporte para facilitar os desprazamentos dos participantes que se inscriban antes do día 28 de abril.
– 8:30 horas. Saída desde Ourense. Un autobús partirá desde o Parque de San Lázaro cara á Merca.
– 13:45 horas. Regreso á Merca. Ao finalizar a peregrinación en Ourense, haberá un servizo de autobús de volta para aqueles que deixasen o seu vehículo particular no punto de inicio.
A peregrinación será de balde para os socios, mentres que as persoas non asociadas deberán abonar unha cota simbólica de 5 euros. Este pago daralles dereito a ser socios durante o que resta de ano e a recibir un agasallo conmemorativo. Todos os inscritos poderán gozar dunha ruta guiada para descubrir os segredos do camiño.





