V Barbadás Gaming

O Concello propón realidade virtual, simuladores e o último en videoxogos.

A Casa da Mocidade de Barbadás prepárase para acoller a quinta edición do Barbadás Gaming durante a Semana Santa. A cita, impulsada desde o Concello de Barbadás, propón diversión, competición e o último en videoxogos durante as xornadas do 31 de marzo e 1 de abril. “É un evento xa consolidado durante a Semana Santa para o desfrute da nosa mocidade a partir dos 12 anos”, apunta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, que convida á participación.

O V Barbadás Gaming ofrece competicións e xogo totalmente gratuítos, como é habitual, realidade virtual, simuladores de condución e as últimas novidades en Play Station 5. “Queremos que se divirtan en comunidade e que compitan de xeito san nun espazo pensado para eles”, sinala Valcárcel. O horario será de 11,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,30 horas durante o martes 31 de marzo e o mércores 1 de abril. “Durante o evento haberá persoal municipal para responder calquera dúbida ou inquedanza dos mozos e mozas”, engade.

O rexedor municipal recorda a importancia de programar actividades dirixidas para a poboación nova, que moitas veces carece de oferta lúdica. “Por iso queremos que coñezan a Casa da Mocidade, para que saiban que poden facer uso das instalacións durante todo o ano”, resalta.