AEVER organiza a primeira edición destes galardóns coa colaboración do Concello e o apoio da Xunta, con seis categorías e candidaturas abertas ata o 21 de setembro.
O comercio de Verín terá este ano unha nova cita para recoñecer o traballo dos seus profesionais. A Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) presentou a primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, uns galardóns que buscan poñer en valor a traxectoria dos negocios locais e a súa contribución á vida económica e social da vila.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Verín e coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego. A presentación contou coa participación da presidenta de AEVER, Esther Gómez; do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro; do representante da área de comercio municipal, Manuel Lorenzo; e da directora territorial da Xunta en Ourense, Marta Vázquez Guzmán.
Os premios contarán nesta primeira edición con seis categorías, deseñadas para reflectir diferentes maneiras de contribuír á evolución do comercio verinés.
Entre elas atópase o premio Comercio de toda a vida, destinado a recoñecer a traxectoria dos establecementos e a súa presenza na memoria colectiva da vila. Tamén se premiará a Renovación ou relevo xeracional, para aqueles negocios que souberon evolucionar e adaptarse sen perder a súa esencia.
O Compromiso coa comunidade e identidade local distinguirá os establecementos cunha especial vinculación con Verín e coa súa contorna, mentres que a categoría de Novo comercio estará reservada para iniciativas postas en marcha nos últimos tres anos.
As dúas categorías restantes estarán centradas na capacidade de innovación e comunicación dos negocios. O premio á Innovación comercial de proximidade recoñecerá a incorporación de novas ideas, servizos ou formas de mellorar a experiencia da clientela, mentres que o galardón á Mellor comunicación comercial de proximidade distinguirá os establecementos que destacan á hora de comunicar, construír marca e conectar co público.
Candidaturas ata o 21 de setembro
Os comercios interesados en participar poderán presentar a súa candidatura ata o próximo 21 de setembro e optar a unha ou varias categorías.
Para facelo, deberán enviar a través do correo info@ccaverin.com unha breve memoria na que expliquen a actividade do negocio e os motivos polos que consideran que encaixa na categoría escollida. A organización recomenda achegar exemplos concretos e, se é posible, fotografías do establecemento.
Desde AEVER animan aos comerciantes a participar e reivindicar aquilo que fan de maneira diferente ou especialmente destacada. A asociación subliña que non será necesario presentar documentación complexa nin realizar unha candidatura profesional, senón simplemente explicar o proxecto e os motivos que avalan a súa proposta.
Unha gala o 2 de outubro no Auditorio
Os gañadores daranse a coñecer o 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio de Verín, durante unha gala concibida como unha celebración do comercio local.
A actriz Iria Sobrado será a encargada de conducir o evento, que contará tamén coa actuación musical de Mr. Cool. A gala terá aforo limitado e a organización informará proximamente sobre a dispoñibilidade e o acceso ás entradas para o público.
Como antesala dos premios, AEVER tamén difundirá nas súas redes sociais unha serie de entrevistas con diferentes persoas de Verín. A través destas conversas, os protagonistas compartirán as súas experiencias e a súa relación co comercio local, co obxectivo de levar o papel dos negocios da vila á conversa pública e destacar a súa importancia na vida cotiá de Verín.





