Xinzo de Limia acolleu as III Xornadas da Palabra Galaico-Portuguesa

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia foi escenario.

O pasado 23 de abril, a Casa da Cultura de Xinzo de Limia foi escenario das III Xornadas da Palabra Galaico-Portuguesa, unha cita xa consolidada que volveu poñer en valor os lazos culturais e lingüísticos entre Galicia e Portugal.

O evento, organizado polo colectivo Tarangaño Cultural, contou coa presenza da súa directora, Rochi Novoa, e reuniu a diversas voces destacadas do ámbito cultural e literario. Entre elas, participou Avelino Jácome, en calidade de editor de Andrómena Senlleira e director do Movemento Cultural Nós a Xente do Redor, quen compartiu a súa visión e compromiso coa promoción da cultura e da palabra.

O programa desenvolveuse ao longo da tarde cunha variada proposta de intervencións. A xornada deu comezo coa presentación de “Sempre abril”, a cargo de Armando González, acompañada dun microconcerto baixo o título “As músicas que nos unen”. Posteriormente, tivo lugar a intervención de Gustavo Adolfo Garrido García, vicepresidente da Fundación Carlos Casares, quen ofreceu un percorrido pola literatura que une ambos territorios. A continuación, presentouse o proxecto Aritmar, seguido dunha sesión musical a cargo de Germán Estévez, reforzando a dimensión artística e sonora do encontro.

O acto desenvolveuse nun ambiente cálido e participativo, realzado pola agarimosa acollida do concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, quen exerceu de excelente anfitrión. As Xornadas pecháronse cunha degustación de mel ecolóxico Sovoral e natas portuguesas, poñendo o broche final a unha xornada de encontro, creación e celebración da cultura compartida.
Desde a organización salientouse o éxito de participación e a importancia de seguir tecendo redes culturais que fortalecen a identidade común galego-portuguesa.