Conselleira de Medio Ambiente co alcalde de Muíños

A previsión é que as obras estean rematadas no verán de 2015.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará este mes de xaneiro os contratos para a mellora do servizo do abastecemento de auga en Couso de Salas, Porqueirós e Mugueime, no concello ourensán de Muíños. Segundo informou a conselleira Ethel Vázquez durante a reunión mantida esta semana co alcalde Plácido Álvarez, a Xunta atende así á solicitude municipal e prevé que as obras estean rematadas no verán de 2015.

O obxectivo das obras é aumentar o recurso de auga dispoñible e mellorar a rede de abastecemento nos tres núcleos. En concreto, as actuacións consistirán en Couso de Salas da realización dunha captación de auga nun manancial próximo, co obxecto de aumentar a capacidade de subministro de auga desde o depósito de abastecemento. Inclúese unha arqueta de captación, un bombeo e unha tubaxe de impulsión de 445 metros de lonxitude.

En Porqueirós executarase unha captación de auga e a súa conexión á rede existente, co fin de aumentar as reservas de auga de abastecemento. Inclúense dúas gabias de drenaxe no manancial existente, unha arqueta de captación, e a condución, duns 600 metros, ata a rede de abastecemento existente.

Finalmente, en Mugueimes reporase unha condución en mal estado de conservación e unha nova condución que abastecerá a parte do núcleo. O obxecto é renovar a rede e ampliala nas zonas onde sexa necesario. A reposición ten unha lonxitude aproximada de 500 m. e a nova conducción duns 1100 m.