Gerardo Seoane, alcalde de Verín

O socialista Gerardo Seoane é o novo rexedor da vila do Támega, mentres repiten o nacionalista Francisco García en Allariz, e os populares Antonio Pérez e José Luis Ferro en Xinzo e Celanova respectivamente.

 

Nas comarcas de Monterrei, A Limia, Terra de Celanova e Allariz-Maceda o cambio de alcaldía máis significativo foi o de Verín. Alí, un pacto entre PSOE e BNG, ante a perda da maioría absoluta do PP, situou como rexedor ao socialista Gerardo Seoane.

No resto de capitalidades comarcais, non houbo cambios. Os populares Antonio Pérez e José Luis Ferro continúan á fronte das alcaldías de Xinzo e de Celanova, respectivamente, con maioría absoluta, ao igual que Francisco García, do BNG, en Allariz.

Nos municipios destas catro comarcas ourensás, cambia de cor a alcaldía de Maceda, que pasa ao PP con Rubén Quintas de rexedor en substitución de Xavier Oviedo de Compromiso; a de Baños de Molgas, co nacionalista Xaime Iglesias aupado á alcaldía substituíndo ao popular Eladio Mangana grazas ao apoio do PSOE; e en Sandiás, con Felipe Traveso da Agrupación de Electores de Sandiás (co apoio socialista) ocupando o posto que mantivera nas últimas décadas a popular Concepción Méndez.
Non prosperou, porén, o pacto PSOE-BNG que apartase da alcaldía ao PP en Ramirás, sendo elixido o popular Juan Carlos Rodríguez (substituía a Pilar Otilia López, alcaldesa durante case catro décadas).

Maiorías absolutas
Continuaron nos seus postos de rexedores con maiorías absolutas José Antonio Feijoo (PP) en Baltar, José Manuel Castro (PP) nos Blancos, Teresa Barge (PP) na Bola, Aquilino Valencia (PSOE) en Calvos de Randín, Carmen Leyte (PP) en Cartelle, Vicente Gómez (PSOE) en Castrelo do Val, Luciano Rivero (PP) en Cualedro, Pura Rodríguez (PP) en Gomesende, José Ramón Barreal (PP) en Laza, Manuel Jorge Velo (PP) na Merca, José M. Fernández (PP) en Paderne de Allariz, Manuel Pérez (PP) en Padrenda, Juan Carlos González (PP) en Pontedeva, Susana Vázquez (PP) en Porqueira, José Antonio Pérez (PP) en Quintela de Leirado, Xosé Xaquín Rodríguez (PP) en Rairiz de Veiga, Francisco Armando Veiga (PP) en Riós, Gumersindo Lamas (PP) en Sarreaus, Emilio José Pazos (PP) en Trasmiras, Juan A. Martínez (PP) en Verea, Julio Pérez (PP) en Vilar de Barrio, Xan Jardón (CxG) en Vilar de Santos, Manuel Cardoso (PP) en Vilardevós, José Luis Gavilanes (PP) en Xunqueira de Ambía e Carlos Gómez (PP) en Xunqueira de Espadanedo.

Estréanse como rexedores José Luis Suárez (PP) en Monterrei e Ana María Villarino (PP) en Oímbra; en ambos casos trátase dos fillos dos anteriores alcaldes, tamén do PP.