Acceso ao novo edificio xudicial

Estas obras, na conexión de Francisco Lloréns coa rúa Velázquez, teñen un orzamento de 180.023 euros.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense vén de contratar o proxecto de urbanización da conexión da rúa Francisco Lloréns coa rúa Velázquez. Vinte empresas presentaron as súas ofertas ao Concello para realizar os traballos, sendo a máis económica a de Obras y Saneamientos , S.L., que executará as obras cun orzamento de 180.023 euros (IVE incluído), cunha baixa do 25% con respecto á oferta de licitación. O prazo de execución será de tres meses dende o inicio das obras.

Con este proxecto, o Concello de Ourense pretende a conexión dambas rúas e dar acceso, tanto peonil como viario, aos novos xulgados de Ourense, atendendo ao establecido no planeamento vixente, acadando a axeitada accesibilidade que permita o acceso a ambulancias, coches de bombeiros e aos propios veciños, inviable na actualidade.

O criterio utilizado no deseño destas obras é a adaptación no posible á topografía existente, con sostenibilidade na intervención e pavimento antideslizante. No proxecto se contemplan as instalacións de abastecemento de auga, alcantarillado e drenaxe, media e baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións, así como os seus correspondentes elementos e detalles construtivos, unidades de obra e ornamento.

No tocante á rede de abastecemento, se realizarán tres conexións á rede existente, dúas na rúa Velázquez e unha en Francisco Lloréns, con tuberías de fundición dúctil de 100 mm.

No que respecta á rede de alumeado público, dotarase dunha instalación de iluminación óptima, tando dende o punto de vista luminotécnico como económico. Asemade, canalizaranse as redes de telecomunicacións, baixa e media tensión e gas.

Por último, colocaranse en toda a zona bancos e papeleiras, así como varandas de seguridade. Plantaranse tamén especies arbóreas así como 36 arbustos e gramíneas.

Incendios forestais

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local aprobouse a participación e colaboración do Concello nun convenio coa Consellería de Medio Rural e do Mar para o desenvolvemento de accións combinadas de prevención e defensa contra os incendios forestais mediante unha brigada de cinco membros, formada por un xefe de brigada, un peón conductor con carnet B e tres peóns de brigada.

O ámbito de actuación da brigada será municipal e integrarase no dispositivo municipal para a prevención e defensa contra incendios forestais. «Serán cinco persoas que non só nos axuden nun momento dado na loita contra o lume senón tamén que fagan labores de desbroce», explicaba o alcalde, Jesús Vázquez.

A achega da Consellería será de 15.934 euros para os tres meses que dura o operativo, unha subvención que permite cubrir a totalidade do custo da brigada.