Feijoo e Baltar

O titular da Xunta e o presidente da Deputación de Ourense concordaron na “máxima colaboración” para seguir impulsando o termalismo, os servizos sociais, o turismo, o sector do viño e abrir aos municipios ourensáns o Plan de Loita contra a Desigualdade Económica.

Termalismo, servizos sociais, turismo, o sector vitivinícola e o Plan de Loita contra a Desigualdade Económica foron os principais temas que centraron a reunión que mantiveron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo no despacho do titular da Xunta en San Caetano.

Na xuntanza Feijoo e Baltar acordaron reforzar as liñas de cooperación para impulsar os sectores estratéxicos da provincia de Ourense e concordaron na “máxima colaboración” para seguir mellorando os servizos públicos e impulsar sectores como o vitivinícola, o da castaña o termal e as infraestruturas sociais, especialmente no que atinxe a residencias e centros de día para que o labor de Xunta e Deputación se complemente.

Asemade, Baltar e Feijoo concordaron na posta en marcha de diversas actuacións para crear novas rutas turísticas que difundan o termalismo na provincia e incidiron na necesidade de avanzar nos trámites para instalar canons de innivación artificial na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.

O presidente da Xunta trasladoulle ao titular da Deputación de Ourense a intención do goberno galego de reforzar a axuda que se está a prestar ás persoas con menos recursos, abrindo aos municipios e á Deputación de Ourense o Plan de Loita contra a Desigualdade Económica. E agradeceu a disposición da deputación ourensá a participar nesta iniciativa, “conscientes de que a coordinación entre todos é a mellor forma de prestar o mellor servizo aos cidadáns que menos teñen”, afirmou Alberto Núñez Feijoo.

Manuel Baltar agradeceu ao presidente da Xunta “o apoio e a máxima colaboración” e a sensibilidade amosada a prol dos proxectos da provincia de Ourense, “moitos deles contemplados no ámbito o Plan Ourense 15-19, que inclúe 77 medidas para implementar nos próximos 48 meses cun cronograma de implantación concreto e definido”.

Manuel Baltar destacou que o Plan “Ourense, a provincia termal” foi un dos principais asuntos que abordaron na xuntanza, “onde repasamos as actuacións enmarcadas no plan termal e priorizamos aquelas que se deben acometer con carácter inmediato, moitas delas co-financiadas entre Xunta e deputación”.

Baltar e Feijoo falaron tamén da posta en marcha dun Plan de infraestruturas deportivas, relacionado tamén co termalismo e co-financiado entre ámbalas dúas administracións, “para converter aqueles balnearios que contan con equipamento deportivo en centros de alto rendemento de ámbito internacional”, explicou Manuel Baltar, e avogaron “pola preparación turística da provincia” “cara á chegada da alta velocidade e aproveitando a capitalidade de Ourense na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, para impulsar iniciativas que atraian e potencien a chegada de turismo á provincia ourensá”, explicou o presidente ourensán.

Con respecto á Ribeira Sacra, Baltar urxiu a Feijoo para que dispoña a máxima celeridade na tramitación do expediente BIC para que a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial sexa validada pola Unesco.

Feijoo e Baltar abordaron tamén temas de colaboración no sector primario, coa intención de reeditar para os anos 2016 e 2017 o Plan de camiños rurais, que nos últimos años supuxo un investimento de seis millóns de euros na provincia de Ourense para poder ampliar, mellorar e manter con máis intensidade os camiños de titularidade municipal.

No tocante ao turismo, os dous dirixentes apostaron por seguir impulsando o Plan “Ourense, a provincia termal” con actuacións e proxectos nos balnearios e a posta en marcha de iniciativas para crear novas rutas turísticas que difundan o termalismo na provincia.