Dous vehículos tiveron que ser retirados do lume de Castro de Beiro por avaría, salienta o sindicato CIG.

O Comité de Empresa do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios (SPDCIF) denunciou ante a Xefatura Territorial de Medio Rural o mal estado no que atopan os camións motobomba do servizo. Trátase, explican, dun parque móbil moi envellecido (a maioría dos vehículos teñen máis de 20 anos) e con moitos vehículos “día si e día tamén no taller” o que bastantes deste vehículos non estean “a causa de avarías de importancia”. Neste sentido, o sindicato CIG denunciou tamén este martes que dous vehículos tiveron que ser retirados do incendio de Castro de Beiro por avaría.

Unha situación que pon en risco aos brigadistas “xa que moitas veces os vehículos motobomba avaríanse cando estamos en pleno ataque directo” e que deixa a algún distrito forestal con só operativas “unha ou dúas motobombas”.

O Comité de Empresa tamén denuncia a “situación anómala” no funcionamento do SPDCIF en Ourense ao estaren dúas motobombas cos seus respectivos condutores en permanente servizo para a empresa privada nas bases de avionetas de carga en terra, “unha na base de Beariz no Distrito forestal XI e, outra, en Xinzo de Limia, na base de Antela do Distrito XV, polo que ámbalas dúas quedan inutilizadas para loita directa contra os incendios forestais”.

Os representantes dos brigadistas reclámanlle á Xunta de Galicia que renove o parque móbil dos vehículos motobombas do SPDCIF, pois as compras de vehículos que fai a Consellería de Medio Rural e do Mar son para entregar aos concellos “que logo, na maioría dos casos, non as utilizan para a extinción de incendios forestais”.

Unha reclamación á que se suma a CIG, que esixe tamén a “cobertura inmediata” de todas as prazas vacantes do SPDCIF.