CEIP Ruxidoiro

As axudas pasan dos 70 aos 90 euros por alumno. As becas de libros concederanse priorizando a atención ás familias con menor cantidade de ingresos.

O Concello de Barbadás mantén aberto o prazo para presentar a solicitude de axudas económicas para libros e material didáctico na etapa de educación infantil no vindeiro curso académico 2015-2016 ata o 30 de setembro.

Estas axudas económicas están dirixidas a alumnos do concello matriculados en centros públicos e privados en tramos concertados, exceptuando aqueles cursos que se benefician do programa de gratuidade de libros de texto da Xunta de Galicia.
A Concellería de Educación amplía este ano a contía para libros e material didáctico por alumno ata 90 euros, o que supón un incremento dun 28,60% con respecto ao curso anterior. A edil de Educación, Marga Pérez, destaca “o importante aumento na contía destinada ás axudas, que significa que as familias que están atravesando unha difícil situación terán unha axuda importante para paliar a falta de recursos económicos”.

As familias que reciban as axudas deben estar empadroadas en Barbadás e non poderán exceder duns ingresos de 4.500 euros por membro familiar anual. Esta cifra supón tamén unha novidade con respecto ao ano anterior porque o límite de ingresos amplíase para poder beneficiar con esta axuda a un maior número de familias de Barbadás.

Os interesados deberán cumprimentar a solicitude no modelo de instancia (que se pode descargar da web do Concello de Barbadás) e presentar a documentación necesaria para acreditar reunir as condicións para ser beneficiario na Casa de Cultura ou por correo electrónico, en educación@barbadas.es

Publicación das axudas concedidas
A partir do 19 de outubro, no taboleiro do Concello e da Casa Municipal da Cultura e na páxina web do Concello, farase pública a lista de escolares aos que lles foron concedidas e denegadas as axudas, indicando a estes últimos a causa da denegación, dispoñendo dun período de reclamación ata o día 6 de novembro de 2015.

As becas de libros concederanse priorizando a atención ás familias con menor cantidade de ingresos mentres dure a dotación presupuestaria.