Pese a iso non se ten constancia polo momento da desconvocatoria da folga prevista para o 13 de outubro.
A Dirección do complexo hospitalario ourensán (CHUO) vén de chegar a un acordo co Comité de Folga aínda que o paro previsto para o vindeiro martes 13 non foi polo momento desconvocado. Trala convocatoria de folga médica realizada polas centrais sindicais CESM-OMEGA, os responsables sanitarios do hospital ourensán mantiveron dúas reunións de negociacións. Da celebrada este xoves saiu un acordo, asinándose por ambas partes a acta de negociación, «tras aproximar posturas e chegar a acordo en tódolos puntos reivindicativos, constando en acta a valoración positiva do comité de folga sobre o resultado da negociación», información desde a Dirección do CHUO.
Con todo, a Dirección tamén fixo público o «seu estupor», xa que tras asinar o acordo na mañá deste xoves por ambas partes, posteriormente, o Comité de Folga informou que non desconvoca a folga, «sen que ata este intre á Dirección lle consten nin novas reivindicacións nin desacordo nalgúns dos puntos acordados».
Pese a esta «anómala situación» a Dirección do CHUO deixa constancia novamente «da súa vontade cara o dialogo, co único animo de protexer os dereitos dos pacientes» e permanece á espera de retomar o diálogo.