A elas sumarase, tamén este mesmo ano, unha nova oferta de vacantes de facultativo de diferentes especialidades hospitalarias.
A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, ofertará os vindeiros días 20 prazas de facultativos interinos, que estarán adscritos a diferentes Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada da provincia de Ourense, dando continuidade a súa liña de compromiso e fomento da estabilidade no emprego e promover a continuidade asistencial.
As prazas ofertadas están adscritas aos Centros de Saúde Novoa Santos, A Carballeira, A Cuña e Valle Inclán, en Ourense, e nos de Lobios, A Gudiña, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Manzaneda, Cualedro, Xinzo de Limia e Verín, ademais de nos Puntos de Atención Continuada de Verín, Xinzo, O Barco, Ribadavia e Bande. En total, 18 prazas de médicos de familia e 2 de pediatra de atención primaria.
Esta iniciativa enmárcase na liña de promoción laboral e estabilización do emprego con garantías de transparencia e accesibilidade da Xerencia de Xestión Integrada, que se iniciou xa o pasado ano, coa oferta de 46 prazas de médicos especialistas en Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Hematoloxía, Medicina Interna, Microbioloxía, Neurocirurxía, Neurofisioloxía, Dixestivo, Xinecoloxía, Otorrinolaringoloxía, Uroloxía, Traumatoloxía, Pediatría, Psiquiatría, Oftalmoloxía, Radioloxía e Neuroloxía. Todas elas, con contrato de interinidade nos hospitais de Ourense, Valdeorras e Verín.
A estas dúas ofertas, sumarase, tamén este ano, unha nova cobertura de prazas vacantes de facultativo de diferentes especialidades hospitalarias, na que neste intre traballa a Dirección de Recursos Humanos, conxuntamente cos servizos asistenciais dos tres hospitais públicos de Ourense.
Nesta convocatoria non se incluirán outras categorías profesionais, que contan cos seus propios regulamentos de acceso a contratacións temporais, mediante a aplicación do pacto de contratacións.