A Xunta de Goberno local aprobou tamén a contratación para a construción e decoración das carrozas de Nadal.
A Xunta de Goberno Local (XGL) do Concello de Ourense celebrada o xoves 15 de outubro deu conta de numerosos trámites administrativos, entre os que destacan a posta en marcha do proxecto de reparcelación do PEPRI do Casco histórico na Trinidade, a contratación de novo equipamento para a Policía Local ou apertura do procedemento de contratación das carrozas para o desfile de Nadal.
Logo da parte relativa á asesoría xurídica, na que se deron conta de seis procedementos xudiciais de diversa índole, a Xunta de Goberno Local aprobou ata oito expedientes relacionados co Servizo de Licenzas Urbanísticas. Catro deles eran referidos a licenzas de obra: demolición dun alpendre e proxecto de vivenda unifamiliar na rúa dos Barreiros, en Seixalbo, expediente de revisión de oficio para a licenza de construción dun edificio de seis alturas con garaxe na rúa Progreso, a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar no lugar en Santa Cruz de Arrabaldo e, finalmente, a aprobación do proxecto básico de execución de reforma e adaptación de espazos para aloxar as oficinas das Federacións Deportivas no Estadio do Couto, obras que realizará a propia Xunta de Galicia.
No tocante ás aperturas, aprobouse un proxecto de escola infantil de 0 a 3 anos en Nosa Señora da Saínza, o de acondicionamento na planta baixa do edificio Batundeira, Velle, para a implantación do Centro de Control Integrado de Gas Natural ou a dun supermercado na avenida de Santiago. Finalmente, abríuselle expediente sancionador de 6.001 euros a un particular como propietario do terreo e promotor das obras de construción dunha vivenda unifamiliar en Souto Sanín.
PEPRI do Casco Histórico A Trinidade
Á hora de dar conta da xestión urbanística do Concello, a XGL deulle luz verde ao proxecto de reparcelación do PEPRI do Casco histórico ‘A Trinidade’, no que se desestima integramente a alegación presentada pola Diocese de Ourense e se aproba definitivamente o proxecto segundo o documento técnico. A partir de agora o sector privado podería comezar a desenvolver esta área urbanística, explicou o alcalde, Jesús Vázquez, ás preguntas dos xornalistas.
Do mesmo xeito aprobouse o Plan de Seguridade e Saúde do proxecto de reforma das obras do polígono empresarial de Seixalbo, trámite imprescindible para o comezo inminente das actuacións. As obras teñen un orzamento de 59.000 euros, e serán realizadas pola empresa Extraco.
Outros acordos
A XGL deu conta das ofertas presentadas para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de mantemento da caseta de medición da calidade do aire na cidade de Ourense, na que a empresa Celta Ingenieros SL representa a mellor opción. Igualmente, aprobouse a contratación mediante procedemento aberto do subministro dun furgón para a Policía Local, apartado no que Mosa Ourense presentou a mellor oferta.
Así mesmo, aprobouse a sinatura dun convenio de Colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense para a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas.
Fóra da orde do día, a XGL aprobou o expediente de contratación, por procedemento aberto, para a construción e decorado de catro carrozas para o desfile de Nadal. Con este paso, o goberno considera que existe marxe abondo de tempo para que a empresa que presente a mellor oferta poida ter as carrozas preparadas antes do inicio das festas. O importe desta adxudicación é de 40.000 euros.