É a valoración que fan estes dous sindicatos á vista dos datos da EPA do terceiro trimestre, dos que salienta unha baixada do desemprego de 4.200 persoas.

Os sindicatos CIG e CCOO valoraron os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondentes ao terceiro trimestre de 2015 no que se refire á provincia de Ourense. Malia o descenso do desemprego (4.200 persoas) os dous sindicatos coinciden en que aumenta a precariedade no mercado laboral ourensán. A CIG recalca ademais que a provincia segue a perder poboación.

A enquisa recolle que na provincia hai 108.300 ocupados, fronte a 23.900 parados, o que sitúa a taxa de paro no 18,11% (a media galega é do 17,66% e a estatal do 21,18%).

Ana Barrios, responsable provincial de CCOO, remarca que “na provincia de Ourense a contratación temporal neste 3º trimestre volve superar de forma brutal á contratación indefinida; neste último trimestre firmáronse unha media de 325 contratos indefinidos fronte a 6.915 temporais e, desas contratacións temporais, 1.600 foron contratos de menos dunha semana, 818 de entre unha semana e un mes e, 1.556, dunha duración de 1 mes a 6 meses”.

A sindicalista recalca que, a maiores, os salarios en Ourense son dos máis baixos do Estado, cunha media anual de tan só 16.930 euros, non chegando o 31% das persoas asalariadas a 950 euros mensuais. “En Ourense ter un emprego xa non se traduce en poder levar unha vida digna. A pobreza laboral xa é un concepto firmemente asentado na nosa provincia”

Pola súa parte, o secretario xeral da CIG, Etelvino Blanco, reiterou a gravidade da situación e Ourense, “unha provincia con perda constante de poboación e cun elevado índice de envellecemento da mesma”. Para Blanco, unha situación que se agrava nos datos deste último trimestre da EPA “xa que o descenso só afecta a poboación menor de 40 anos; a partir desta idade a poboación medra”.

O responsable da CIG alerta da “cada vez máis alta temporalidade e precariedade no emprego que provoca que moitos miles de persoas non poidan ter unha vida digna por culpa da política dos gobernos central e de Galiza do PP”. Así, Etelvino Blanco ve unha substitución dos traballadores fixos por emprego temporal (hai 2.200 asalariados máis pero descenderon os fixos en 1.200)