O Concello de Ourense ten aberto un expediente informativo tras detectar Sanidade dous casos de contaxio de legionella en persoal laboral da empresa concesionaria de Limpeza.

A decisión adóptase a fin de coñecer os feitos, que provocaron  a orde de paralización, por parte de Sanidade, dos vehículos de baldeo de auga bruta (captada directamente do río) da empresa.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, despois de ter coñecemento dos feitos, mantivo unha reunión de urxencia esta tarde cos responsables da empresa concesionaria, así como co concelleiro responsable da área, José Araújo, e o coordinador municipal de Infraestruturas, Medio Ambiente e Limpeza.

O primeiro caso, detectado por Sanidade en setembro e xa dado de alta, foi considerado aillado por parte de Sanidade, se ben ordeou á empresa concesionaria adoptar medidas, contempladas no protocolo, para subsanar o posible foco da bacteria. Non obstante, ao detectarse esta semana un segundo caso -que se atopa fóra de perigo-, a Inspección de Sanidade constatou que non se adoptaron as medidas ordenadas a finais de  setembro, tralo primeiro contaxio.

Ambos contaxiados atópanse fóra de perigo, un deles xa dado de alta. Así o constatou o alcalde, en permanente contacto coa Xefatura Territorial de Sanidade e cos responsables da empresa, aos que lles comunicou a apertura do expediente informativo para verificar o sucedido antes de adoptar outro tipo de medidas.

Paralización
Sanidade ordeou a paralización e inmobilización dos vehículos de baldeo de auga bruta durante estos días, pois as súas comprobacións fundamentan que non se adoptaron as medidas ordenadas tralo primeiro contaxio. O luns, realizarase unha nova inspección de Sanidade nas infraestruturas da empresa concesionaria.

Auga bruta
O baldeo de auga das rúas realízase dende hai tres anos con auga bruta (sen clorar, captada directamente do río Miño). Como medida de prevención, o baldeo nestes días realizarase de xeito manual con auga clorada da rede municipal.