Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, nun encontro institucional celebrado este venres.
A Consellería do Medio Rural e o Concello de Ourense colaborarán na adecuación e posta en valor do espazo forestal periurbano de Montealegre, coa ampliación e acondicionamento deste parque mediante accións de rozas, clareos, podas, plantacións e limpeza de pistas. Así o acordaron este mediodía o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, e a conselleira Ángeles Vázquez, durante un encontro institucional mantido entre ambos na Casa Consistorial ourensá, na que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.
A conselleira do Medio Rural explicou que a colaboración entre Concello e Xunta permitirá habilitar esta zona verde para o goce dos ourensáns, con especial atención á práctica de deportes como o sendeirismo. A titular de Medio Rural e o alcalde ourensán tamén analizaron nesta xuntanza de traballo os plans do Concello para recuperar un total 100 quilómetros de camiños rurais no territorio municipal.
Prevención de incendios forestais
Por outra banda, a conselleira e o alcalde abordaron o reforzamento da colaboración en materia de prevención e loita contra os incendios forestais, un problema recorrente neste municipio, no que se rexistra unha alta actividade incendiaria, especialmente nos meses de verán.
Ourense será un dos primeiros concellos de Galicia en dotarse do seu correspondente plan municipal de prevención de incendios, que inclúe o establecemento das faixas de xestión de biomasa, coa colaboración da Consellería. Estas zonas quedan definidas e especificadas no devandito plan, o que facilitará o seu mantemento e limpeza, fixando claramente as responsabilidades dos propietarios.