A asociación xunvenil ten preparado un amplo abano de actividades para que todos os rapaces da cidade festexen o Samaín.

A Asociación Xuvenil Amencer ten preparada unha gran fin de semana de Samaín para os máis pequenos. Baixo o lema “A tope na ponte”, ofrecen un amplo abono de actividades co fin de converter eses días non lectivos en momentos de encontro e diversión.

A Sala Aberta da asociación ofrécelle a todos os rapaces da cidade música, televisión, punto información xuvenil, xogos de mesa. E tamén poden gozar da biblioteca, ciber, sala de xogos e ludoteca. Todas están abertas de luns a xoves de 17.30 a 20 horas, e o venres de 17 a 21.

Obradoiros de Samaín
Co fin de festexar o Samaín, en Amencer teñen preparados varios obradoiros, un de adorno de cabazas e outro de maquillaxe con pinturas terroríficas, que terán lugar o xoves día 29, de 17.30 20 horas. Ademais, o venres en horario de 11.30 a 13 horas, levaranse a cabo obraroiros de cociña terrorífica para os máis cativos. E o sábado 31, no mesmo horario, haberá tamén un obradoiro de meigallos divertidos na Sala Aberta da asociación.

Torneos
Dentro das actividades desta ponte, tamén destacan un torneo de Jungle Speed (o xoves 29 de 17.30 a 20 horas en Xangal) e outro de fútbol sala (o día 2 no campo de fútbol sala do colexio Salesiano dende as 11 horas). Para participar neste últimos os interesados deben inscribirse en Amencer.

Samaikana
Ademais, o venres de 17.30 a 20 horas a asociación organiza unha xincana de probas terroríficas, dirixida aos nenos dos grupos Saltimbanquis (de 6 a 8 anos), Andaina (de 9 a 11 anos) e ADS (de 12 a 14 anos) que participan semanalmente nas
actividades de Amencer. Ademais, estará aberta a todos aqueles rapaces e rapazas da cidade que desexen participar. Ao mesmo tempo, haberá unha casa do terror pola que pasarán os participantes.

Curso de monitor
Así mesmo, Amencer e a Escola de Tempo Libre Don Bosco veñen de convocar un curso de monitor de actividades de tempo libre para mozos maiores de 18 anos que posúan a ESO.

Terá lugar en varias xornadas (de 9 a 14 e de 16 a 21 horas) do 14 de novembro ao 31 decembro nos locais da asociación, e abordará fundamentos da psicoloxía, habilidades específicas e recursos, lexislación, fundamentos educativos, etc.

Os interesados en participar poden informarse na asociación, no 988 218123, no correo electrónicoamencer@amencer.org ou na web www.amencer.org.