A formación ten en marcha a votación a través dunha web e das redes sociais.

O actual equipo de goberno do Concello de Ourense propuxo na pasada Xunta de Voceiros iniciar un expediente de recoñecemento honorario á figura de Estanislao Reverter. Unha proposta non recollida no programa participativo coa que Ourense en Común concorreu ás eleccións municipais do mes de maio. Razón pola que esta organización abre a pregunta a todas as veciñas do municipio para definir o seu posicionamento. “Estamos convencidas de que só involucrando á cidadanía na toma de decisións e favorecendo a co-xestión conseguiremos que algo mude”, explican. “Con este referendo pretendemos non só definir cal debe ser a postura de Ourense en Común perante o expediente de honra a Estanislao Reverter, senón que tamén explorar ferramentas de decisión colectiva”, engaden.

Os que desexen participar na votación poden facelo na web http://ourenseencomun.info/estanislao_reverter/ e nas redes sociais de Ourense en Común ata este xoves 29 de outubro.