Dez longametraxes (entre elas dous documentais e tres de creación española) competirán na sección oficial, que repartirá premios por valor de 17.000 euros.

 

“Tercer grado”, ópera prima do actor e realizador catalán Geoffrey Cowper será a película que se exhiba na cerimonia de clausura da vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que terá lugar o día 21 de novembro ás 20:30 horas. Será a estrea en Galicia da película, que está protagonizada por Jesús Lloveras, coprodutor do filme, Frank Feys, e a ourensá Sara Casasnovas.

O director da película vén de vivir intensamente a experiencia norteamericana de presentación da súa primeira longametraxe en certames cinematográficos coma o de Santiago, Santa Bárbara e, días atrás, no Festival de Cine Latino de Chicago.

“Tercer grado” é unha película independente, é un thriller inspirado nunha historia real que o director presenciou hai dez anos durante un atraco con vítimas.

Sección oficial
Dez películas competirán na fase final do OUFF, que se celebrará entre o 14 e o 22 de novembro. Son “La vida después” (Arxentina), “Bridgend” (Dinamarca), “The sinking of Sozopol” (Bulgaria), “Dark Horse” (Reino Unido), “La novia” (España/Alemaña), “Bambanti” (Filipinas), “El comienzo del tiempo” (México), “La decisión de Julia” (España), “Techo y comida” (España) e “Killing Time” (Francia/Bélxica).

A grande novidade é que, por vez primeira, entran dous documentais, “Dark Horse” e “Killing Time”, que xunto co resto optan a seis premios: Mellor película, Carlos Velo ao mellor director, Mellor guión, Premio especial do Xurado, Mellor interpretación e Premio do público. O valor total dos premios é de 17.000 euros.

A maioría das películas seleccionadas para a final son óperas prima ou segundas películas dos seus directores, en liña coa aposta do Festival polos novos valores do panorama cinematográfico. A vixésima edición recibiu 347 longametraxes (222 de ficción, 123 documentais e 2 de animación), e 57 curtametraxes, ata chegar aos 404 traballos presentados, a maior cantidade da historia do festival.