A aprobación contou cos votos favorables de PP, PSOE e DO, así como coa abstención de Ourense en Común.
O Pleno do Concello de Ourense vén de aprobar, en xuntanza extraordinaria, por 24 votos a favor e 3 abstencións, catro convenios referentes ás áreas de renovación urbana de Ourense. Trátase do paso previo ás sinaturas dos convenios de colaboración co Ministerio de Fomento, logo de que a Xunta aprobase o día 8 deste mes a adhesión do Concello de Ourense ao programa de rexeneración e renovación urbana e solicitar a adopción das medidas procedentes para a tramitación dos acordos.
Na renovación do casco histórico inclúense 45 vivendas e o importe ascende a 771.300 euros; en Seixalbo inclúense 4 vivendas e unha achega de 138.500 euros; na área de Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada están afectadas 15 vivendas e a intervención supón unha inversión de 257.100 euros; e no Polvorían, Camelias e Carballeira, actuarase en 111 vivendas por 1.818.500 euros.
En todas as intervencións Fomento achega o 35%, o Concello entre un 1 e un 6% e o resto os particulares.