Este ciclo de actividades pretende facer visible a problemática coa actual xestión do Espazo Xove.

 

A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude presentou este xoves “O Outono na Casa”; un ciclo de actividades ocio-culturais “coas que pretende seguir facendo visible a problemática existente co actual modelo de xestión da Casa da Xuventude así como reivindicando as súas demandas”.

Membros da Plataforma explicaron que intentaron realizar todas as actividades nas instalacións do Espazo Xove motivados “pola preocupación do baixo nivel de actividade que rexistra”. Así, solicitou o uso do pavillón do deportivo e das instalacións para unha Casa do Terror e para unha mostra de microteatro, e un festival musical, pero a resposta da Xefatura Territorial da Consellería e Benestar foi negativa en todos os casos.

Unha resposta “sen autorizar nin denegar o ciclo nin ningunha das actividades expresamente, dun xeito caótico, pouco explicativo e sen ningún tipo de argumentación nin sustento legal, facendo unha serie de precisións sobre as actividades e datas solicitadas e notificándose a un día da primeira das actividades propostas”. A Plataforma puntualiza “que a meirande parte destas actividades xa se fixeron na Casa da Xuventude no pasado sen que houbese os problemas e supostas ilegalidades que formula o xefe territorial no seu escrito”.

A Plataforma optou por realizar as actividades fóra do Espazo Xove. Inclúen un maratón deportivo de baloncesto o domingo 1 de novembro no pavillón deportivo do campus; e unha mostra de microteatro o 29 de novembro, previsiblemente no Centro Cívico da rúa Colón. E o terceiro e último dos eventos programados será o Festival Musical, xa autorizado polo instituto das Lagoas para o 26 de decembro. Para esta actividade contarase con bandas que estiveran vencelladas coa Casa da Xuventude no seu momento, e “por suposto haberá un espazo reservado para bandas da mocidade”.

Os promotores de “O Outono na Casa” buscan que este ciclo de actividades interxeracional “sexa un intercambio de experiencias, de dinámicas e inquedanzas entre as que tiveron como referente a Casa da Xuventude e aquelas que teñen por descubrir un espazo que é seu e que deben reivindicar para si”.