Vivendas de Covadonga

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Consuelo Fernández Sueiro, asinaron a acta de realización destas obras de urbanización.

 

O Concello de Ourense recepcionou oficialmente as obras do proxecto de urbanización da AR 13-N “Covadonga”, ao executarse por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo segundo as condicións fixadas no seu día.

Deste xeito, o alcalde, Jesús Vázquez, e a directora provincial do IGVS, Consuelo Fernández Sueiro, asinaron a acta de recepción destas obras de urbanización das 52 vivendas de Promoción Pública de Covadonga.

Con esta sinatura ratifícase o acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 24 de setembro, cando se aprobara recibir estas obras. A partir de agora, ábrese un prazo de garantía dun ano durante o que lle corresponderán á entidade solicitante as obrigas de conservación, mantemento e reparación das obras entregadas por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

De agora en adiante, ábrese tamén o proceso administrativo para a adxudicación destas vivendas aos seus futuros propietarios e inquilinos (32 vivendas serán para aluguer e 20 para propiedade). A Xunta remitirá cartas de adxudicación das vivendas aos solicitantes que participaron no sorteo das mesmas e estes terán 15 días de prazo para aceptalas ou rexeitalas. Trala aceptación, os futuros propietarios terán que depositar unha fianza e iniciar o trámite hipotecario correspondente, co fin de entregalas nas vindeiras semanas.